Solidariedade de Salceda cos afectados polo volcán da Palma

Axuda humanitaria do Concello e da Agrupación de Protección Civil
A recollida da axuda foi solicitada pola Agrupación de Protección Civil de Los Llanos de Aridane.

Salceda de Caselas | A agrupación de PC de Salceda e o Concello organizaron unha recollida de produtos de hixiene persoal o pasado mes de outubro, para axudar na medida do posible a paliar as necesidades que están a sufrir as preto de 7.000 persoas desprazadas dos seus fogares debido as consecuencias do desastre natural do volcán da Illa de Palma.

A recollida foi solicitada pola Agrupación de Protección Civil de Los Llanos de Aridane a todas as agrupacións de protección civil de España. A agrupación de PC de Salceda sumouse á solicitude poñéndose en contacto co concello para organizar o dispositivo de recollida.

Esta recollida decidiuse que fose de produtos de hixiene persoal, por ser non perecedeiros, fáciles de transportar e de uso imprescindible para as familias que están sufrindo este desastre natural.

A recollida fíxose por parte de membros de PC de Salceda ao longo da semana do 18 ao 22 de outubro, de mañá e de tarde, na Praza do Concello, onde se instalou unha carpa. A veciñanza de Salceda coma sempre respondeu coa súa solidariedade habitual, acadándose uns 500 quilos de produtos de hixiene persoal.

O Concello de Salceda non dubidou en colaborar con esta iniciativa en ningún momento, e comprometeuse a facerse cargo do envío dos produtos de hixiene recollidos. A principios desta semana enviáronse para o súa entrega á Agrupación de PC de Los Llanos de Aridane, na Illa da Palma.

Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda: “En Salceda non somos alleos á dolorosa situación das familias afectadas e agradecemos unha vez máis á nosa veciñanza e a Protección Civil a mostra de empatía e solidariedade que nos caracteriza.”