Sober participa na comisión de seguimento do servizo de atención temperá

Está formada por oito concellos da Ribeira Sacra

Sober | Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober, participa na constitución da comisión de seguimento do servizo de atención temperá, do que forman parte oito concellos; Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, O Saviñao, Sober, A Pobra do Brollón e Pantón.

Dende a súa posta en marcha en setembro do 2020 (cunha achega de 12.296 € da Xunta de Galicia), triplicouse o número de concellos que se adheriron a este servizo que conta cunhas novas instalacións en Quiroga -creadas específicamente para esta atención- e duplicou o seu cadro de persoal. Tamén se incrementaron considerablemente as achegas da Xunta de Galicia para este servizo que no 2021 foron de máis de 100.000 euros.

Na Unidade de Atención Temperá, que serve para identificar, previr e actuar sobre os trastornos no desenvolvemento que poidan sufrir os nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade, contase con dous psicólogos, dous logopedas, un fisioterapeuta e un terapeuta ocupacional especializados en desenvolvemento infantil e atención temperá.

A atención neste servizo é principalmente a través do servizo de pediatría, que fai o diagnóstico previo, en función do cal derivará a familia á unidade de atención temperá máis axeitada para o caso. Tamén os centros educativos ou as propias familias poden poñerse directamente en contacto con este servizo para que os informen de cal é o proceso a seguir. Na foto os alcaldes dos concellos integrados na comisión.