SmartPeme prestará asesoramento empresarial no Centro de Coworking de Ponteareas

Un servizo da Deputación de Pontevedra

Ponteareas | A Deputación de Pontevedra prestará servizos de asesoramento empresarial a través de SmartPeme no novo Centro de Emprendemento, Dinamización Empresarial e Coworking que acaba de ser inaugurado esta mesma semana pola alcaldesa de Ponteareas e tamén deputada provincial, Nava Castro, e o deputado Alejandro Lorenzo, no edificio número 13 da Praza Maior de Ponteareas.

Trátase dunha oficina moderna, nun edificio que foi reformulado por completo para que a veciñanza da vila con proxectos emprendedores poida facer realidade os seus soños.

A través da oficina SmartPeme de Ponteareas, a Deputación de Pontevedra proporcionará información e asesoramento gratuíto a persoas autónomas, pemes e emprendedores de Ponteareas e da súa contorna.

Cómpre ter en conta que esta vila conta cun nutrido número de pequenos comercios, o perfil groso de empresas que son asesoradas por este servizo da institución provincial, que poderán recibir dende xa atención personalizada para dar resposta ás súas necesidades en canto a transformación dixital e competitividade empresarial.

SmartPeme conta nestes momentos cunha rede de sete oficinas situadas, ademais de en Ponteareas, en Pontevedra, Vigo, Cambados, O Porriño, Lalín e Barro.

As súas principais liñas de atención aos usuarios céntranse na formación gratuíta en novas tecnoloxías da información, en materia de dixitalización do sector turístico a través de TurisTIC, ou en ciberseguridade, Intelixencia Artificial e Big Data.

Ademais conta cun laboratorio equipado coas últimas novidades do mundo da fabricación dixital e organiza accións para fomentar o emprendemento e a competitividade como aceleradoras empresariais.

Dende que a institución provincial puxo en marcha o servizo, SmartPeme atendeu no conxunto da provincia de Pontevedra a 2.212 empresas, realizou 2.123 obradoiros e organizou diferentes actividades nas que participaron 22.500 persoas.