Simboloxía peonil para recuperar espazo público en Ponteareas

Baixo o modelo de "Urbanismo táctico"

Ponteareas | O Concello de Ponteareas está a implementar simboloxía peonil na calzada das rúas peonalizadas ao abeiro do seu compromiso por continuar recuperando espazo público para as persoas.

Trátase dunha medida denominada ‘Urbanismo táctico’, unha ferramenta empregada en innumerábeis cidades de todo o mundo realizar intervencións lixeiras e provisionais en rúas recuperadas para as persoas, transformándoas e maximizando o valor compartido dos espazos públicos.

O Goberno local complementará estas intervencións, aínda sen rematar, coa colocación de xardineiras e bancos ao longo de todas as rúas para convertelas tamén en lugares de estancia e relación social.

As rúas Vidales Tomé, Morales Hidalgo, Constitución, Reveriano Soutullo, Concha Brey e Senén Canido son dende hai meses rúas peonís de tráfico limitado a autorizados. Ademais da sinalización vertical situada na entrada desas rúas xunto a xardineiras “é necesario reforzar o carácter peonil destas rúas con sinalización horizontal moi visual sobre a calzada.

Con estas actuacións os vehículos autorizados que acceden son máis conscientes de que a zona na que se atopan non é unha calzada, senón que se trata dunha zona peonil, ao tempo que as persoas entenden que se trata dun espazo do que poder gozar con tranquilidade sen ter que confinarse en beirarrúas estreitas”.

O obxectivo do Concello é que no verán xa estean listos os proxectos de reforma destas rúas.

“Co pintado actual e o mobiliario urbano a instalar queremos reforzar o concepto peonil destas rúas de forma transitoria e provisional até que se realicen as obras de remodelación”, informa o Concello.

O Goberno municipal reafirma así o seu compromiso de recuperar o espazo público para as persoas e reducir o tráfico a motor seguindo as indicacións e recomendacións das Nacións Unidas e da Unión Europea, tal e como están facendo concellos e cidades en todo o mundo para facer fronte á emerxencia climática e mellorar a saúde e a calidade de vida das persoas.