Silvia Táboas, primeira muller en presidir a Banda de Música Xuvenil de Xinzo

Ocupaba desde o ano 2017 o cargo de tesoureira desa agrupación

Ponteareas | Desde esta semana, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo conta cunha nova directiva na que destaca a súa presidenta, xa que, coa súa incorporación, Silvia Fernández Táboas converteuse na primeira muller que ostenta o cargo desde a fundación da agrupación.

Na Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada o pasado 4 de marzo, o ata entón presidente Francisco Jesús Represas Carrera anunciou a súa decisión de abandonar o cargo xunto con outros membros da Xunta Directiva, polo que esta disolveuse e abriuse o proceso de elección para unha nova. Así pois, este pasado sábado 25 de marzo foi cando Silvia Fernández Táboas presentou ante a asemblea convocada a súa candidatura, conformada tanto por membros da anterior Directiva como por novos.

Ata este sábado, Silvia Fernández Táboas ocupaba desde o ano 2017 o cargo de tesoureira da agrupación. Agora como presidenta, acompáñana ata cinco membros da anterior Directiva. Deles, dous cambian de cargo: Ángel González Lago, que pasa de vicetesoureiro a tesoureiro, e Manuel Collazo Francisco, que se converte en secretario tras ocupar durante tres anos o posto de vicesecretario. As tres membros restantes que continúan na nova Xunta Directiva son Ana María Acebedo Varela, Mónica Carrera Táboas e Sonia González Represas, que seguirán cumprindo coa función de vogais.

Tras as saídas da vicepresidenta Branca Represas, a secretaria María Represas e a vogal Segunda Carrera Iglesias, a nova presidenta incorporou a outros cinco membros máis tanto para suplir estas baixas como para engadir novos cargos á súa Directiva. As novidades máis destacadas son as dúas vicepresidencias que se crean coa incoporación de Alejandro Otero González como vicepresidente primeiro e Manuel García González como vicepresidente segundo. A eles súmanse Uxía Collazo Cobelo no cargo de vicesecretaria e Sara Álvarez Carrera e Javier Otero González como vogais.