Setenta eurodeputados denuncian en Bruxelas a contaminación nas costas galegas

A misiva foi impulsada por Ana Miranda (BNG) e enviada á Comisión, o Parlamento e o Consello europeos

Aldea Global | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, remitiu unha carta á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, a presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, e o presidente do Consello Europea, Charles Michel, denunciando a contaminación da costa galega causada polo vertido de millóns pelets procedentes do portacontedores Toconao.

En total, 70 eurodeputadas e eurodeputados asinaron a misiva pertencentes a cinco grupos políticos da Eurocámara diferentes e procedentes de 24 nacións e Estados Membros europeos. O documento, ademais de denunciar a contaminación causada polos microplásticos tamén cuestiona a xestión realizada polo goberno galego do Partido Popular.

Neste sentido, Ana Miranda sinala que a pesar de que o buque Toconao comezou a perder os pelets o 8 de decembre e comezaron a aparecer o 13 de decembro nas praias de Ribeira, non foi até o 4 de xaneiro cando o Goberno galego se puxo en contacto cos concellos para dicirlles que era a súa responsabilidade facerse cargo da limpeza das praias.

A carta destaca, por outro lado, que a costa galega é extremadamente vulnerable, como se puido comprobar tras a catástrofe do Prestige, que serviu para aprobar o paquete de seguridade marítima, que precisamente na actualidade se está negociando a súa modificación.

Propostas
No documento, os deputados e deputadas do Parlamento Europeo reclaman a posta en marcha dun plan efectivo contra a contaminación que inclúa a consideración dos pelets como substancias contaminantes e tomar medidas estritas respecto ao control na súa manipulación, tratamento e envasado.

Ademais, a carta defende que no marco do convenio MARPOL 73/78 de la Organización Marítima Internacional se introduza unha modificación para asignar aos precursores plásticos en forma de pelet, escama ou pó a categoría de mercadorías perigosas. Finalmente, os eurodeputados instan a considerar o Corredor de Fisterra como zona altamente sensible por parte da OMI.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.