Sete conselleiros do goberno galego formalizan a súa renuncia ao escano no Parlamento galego

Para centrarse nas súas labores executivas

Santiago de Compostela/PPdeG | Os conselleiros de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez; de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez; de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; de Política Social, Fabiola García; de Medio Rural, José González; e de Mar, Rosa Quintana formalizaron esta mañá no Parlamento galego ao remate do Pleno a súa renuncia ao escano para centrarse na súa labor de goberno para avanzar na recuperación económica e social de Galicia unha vez superada a pandemia da Covid-19.

Estes sete conselleiros, que foron elixidos polas provincias de A Coruña (Ánxeles Vázquez, Ethel Vázquez, Fabiola García e Rosa Quintana), Ourense (José González) e Pontevedra (Román Rodríguez e Valeriano Martínez) nas eleccións autonómicas celebradas o pasado ano, levan a cabo deste xeito o anuncio feito esta mañá polo Presidente da Xunta na sesión de control do Parlamento galego.

Os dous únicos membros do Goberno que manterán a súa acta na Cámara son os vicepresidentes Alfonso Rueda e Francisco Conde.

O Grupo Popular agradece o traballo realizado neste primeiro ano de lexislatura aos conselleiros, así como a súa xenerosidade ao dar este paso no período de sesións que se acaba de iniciar e que volvan centrarse en exclusiva nas tarefas executivas, como ten acontecido nas lexislaturas anteriores.