Servizo pioneiro de atención cidadá no Porriño

A unidade móbil terá un carácter itinerante por tódalas parroquias porriñesas

O Porriño | O Concello do Porriño presentou esta mañá unha iniciativa innovadora de atención cidadá. “Trátase dun servizo pioneiro en España, co que reafirmamos o noso compromiso coa proximidade e a atención directa á nosa veciñanza”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo. Consiste nunha oficina itinerante que percorrerá as sete parroquias e todos os barrios do Porriño ofrecendo un servizo integral de atención cidadá.

O rexedor explicaba hoxe, durante a presentación na casa consistorial, que o obxectivo deste servizo é “proporcionar unha cobertura completa ás diversas necesidades e demandas dos veciños e veciñas do Porriño, incluíndo temas relacionados con servizos sociais, atención ao cidadán, urbanismo, limpeza, obras públicas e saneamento”.

A unidade móbil, materializada nunha autocaravana, visitará cada parroquia unha vez ao mes, facilitando o acceso aos servizos municipais dunha maneira máis próxima e directa.

Ademais, este servizo único permitirá aos cidadáns rexistrar entradas e saídas de documentos, realizar consultas e recibir asesoramento directamente nos seus barrios, sen necesidade de desprazarse á casa consistorial, no centro urbano. “Con esta iniciativa tratamos de facilitar, sobre todo ás persoas maiores, o acceso aos servicios municipais sen necesidade de desprazamentos”.

Como parte deste esforzo por mellorar a comunicación e a transparencia, o propio alcalde, xunto con funcionarios habilitados, estará dispoñible para citas na autocaravana, ofrecendo un enfoque persoal e accesible á xestión municipal.

Coa posta en marcha desta iniciativa, “O Porriño establécese como un punto de encontro pioneiro na prestación de servizos municipais, demostrando un enfoque innovador e centrado no cidadán. Este proxecto non só busca mellorar a eficiencia dos servizos municipais, senón tamén fortalecer a conexión entre o Concello e a veciñanza”, conclúe Alejandro Lorenzo.