Ser independentista é lexítimo.

No Estado Español parece que ser fascista é lexítimo e ser independentista é ilexítimo. A min que me gusta levar a contraria, paréceme xusto ao revés: o fascismo nunca é lexítimo e hai que cambatelo sempre e o independentismo só pode ser ilexítimo cando atenta contra os dereitos humanos. O meu estupor vén de ver como hai independentistas en prisión polo mero feito de procurar a independencia do seu país por medios democráticos. Coido que a mafia españolista que monopoliza o Estado e detenta o control da forza bruta prefere un desafío armado impopular, que un desafío democrático coma o catalán, que puxo en evidencia a verdadeira natureza do Estado, sen mortos. O caso galego é tamén outra mostra de como desde Madrid se intenta impedir que coalle un partido abertamente independentista e de como se queren desfacer ilícitamente as redes de apoio coas que contan os militantes presos, que como moito cometeron sabotaxes no pasado. E iso non é terrorismo. Ser independentista non debería ser unha agravante para estes delitos e coido que o é na práctica. Decidir independizarmonos ou non é un dereito que temos como nación e pobo galego e que deberíamos poder exercer ou non segundo fose o noso criterio. A xente que cita a Castelao, debería ser consciente de que el -se ben non era independentista- defendía ardentemente o dereito de autodeterminación dos pobos, pois nun momento dado, podería ser esa a nosa lexítima e mellor opción. De Madrid veñen máis paus que outra cousa… Eu non coñezo en profundidade a operación Jaro, pero polo que lin coido que se trata dunha farsa anti-independentista. O Xuízo contra o Procés puxo en evidencia á Xustiza española até tal punto que desconfío totalmente dela. É así como queredes manter a unidade do Estado?

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.