
Ourense | A sentenza coñecida no día de hoxe na que a sección 1ª do Contencioso Administrativo do tribunal de Instancia de Ourense anula o cesamento da tesoureira municipal levado a cabo no seu día polo goberno local evidencia, é para o grupo municipal do BNG “unha nova condena ao método Democracia Ourensana”.
O portavoz nacionalista Luís Seara entende que a sentenza “evidencia unha vez máis o que desde o BNG levamos tempo denunciando. A política de persoal de Jácome baséase nas ameazas, no acoso e na intimidación cara todas aquelas funcionarias e funcionarios que non se pregan aos seus intereses e que simplemente se limitan a exercer con independencia o seu traballo”.
Seara afirma que o feito de que o Concello de Ourense veña sendo condenado continuamente en materia de persoal polas actitudes, decisións e comportamento do seu máximo responsable, o alcalde, evidencia que “as decisións adóptanse en base as filias e fobias do propio rexedor e non en criterios obxectivos para a optimización de recursos ou para a mellora do funcionamento interno do Concello”.
O BNG insisten unha vez máis na necesidade de que “sexa o alcalde quen asuma as consecuencias económicas que as súas decisións, anuladas pola xustiza, teñen para as arcas municipais”.
Auto de Imputación por prevaricación
Logo de coñecer o auto emitido polo Tribunal de Instancia de Ourense no que se imputa ao alcalde un delito de prevaricación por non solicitar a compatibilidade do cargo coas súas actividades privadas, o portavoz do BNG Luís Seara afirma que “cómpre deixar traballar á xustiza” e engade, “o que si podemos dicir é que o relato que se fai dos feitos, coincide co que levamos denunciando desde hai anos”.
Seara sinala que ao tratarse dunha cuestión que afecta á máxima autoridade da cidade, con todo o que iso conleva, “agardamos que o procedemento xudicial siga o seu curso coa máxima dilixencia para que canto antes se poidan esclarecer os feitos”. Finalmente, lamenta que “o nome de Ourense volva ser de novo portada por comportamentos “neste caso presuntamente delictivos” do alcalde, “algo que estou seguro nos avergoña a moitas e moitos ourensás”.




