Sen tempo nin espazo para promocionar o noso traballo

Artigo de Andrés Carrera Costas. Director técnico e presidente do Club Natación Ponteareas

Aproveitando o escaso tempo que nos dan os días de Nadal, entre competición e competición, porque o noso deporte non para, aproveito para facer esta pequena reflexión que quero compartir con todas as persoas que me axudan e que, posteriormente se o consideran, darémoslle forma para que chegue a onde teña que chegar. O que pretendo facer non é máis que compartir o que sinto no meu traballo, no meu deporte, na miña afección; a natación e o coidado e preparación das persoas deportistas.

“Os días 20, 21 e 22 de decembro, o noso Club Natación Ponteareas desprazouse ata Castellón para disputar a 1ª División da Copa de España, con un equipo feminino formado por 9 nadadoras”

Os días 20, 21 e 22 de decembro, o noso Club Natación Ponteareas desprazouse ata Castellón para disputar a 1ª División da Copa de España, con un equipo feminino formado por 9 nadadoras. O club do Condado é o único galego que compite nunha das dúas divisións que se disputan a nivel estatal, a división de honra con 8 equipos e a primeira división con 16. Nove deportistas que con diferentes historias conseguiron chegar a esa cita, para competir en catro probas individuais e formar parte tamén dos equipos de remudas. O obxectivo era lograr unha fazaña que semellaba imposible, a permanencia, que se lograba acadando o posto 10 da clasificación final. Adiántovos que non conseguimos a permanencia, xa que nos quedamos no posto 11. Si, por un posto, pero o nivel que amosaron as nosas deportistas foi incrible e digno do meu recoñecemento, do seu contorno próximo e debería ter unha repercusión que, desafortunadamente, nunca vai ser suficiente para recoñecer todo o esforzo que Club Natación Ponteareas, e esas rapazas fixeron para lograr facer unha competición coma a de Castellón.

Carla Carrón (2005) natural de Arzúa, segunda tempada no club, actualmente adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Unha nadadora que está no mellor momento da súa vida deportiva cun obxectivo claro: os Xogos Olímpicos de París 2024.

Alba Ortiz (1997) natural de Xixón, terceira tempada no club, loitadora incansable que adestrando en solitario na súa cidade natal, acadou en Castellón as súas mellores marcas en piscina de 25 metros.

Sara Ibáñez (2001) natural de Ponteareas, quince anos no club. A tempada pasada rematou o grao en criminoloxía e neste ano cursa un ciclo superior de administración. Unha competidora que sempre está disposta a botar unha man ao seu equipo.

Carla Faro (2003) natural de Fozara, Ponteareas, trece tempadas no club. Nadadora polivalente que compatibiliza os seus adestramentos co segundo ano de fisioterapia. Adestra en solitario en Pontevedra e a fin de semana cos grupos do club.

Sofía Carballo (2006) natural de Ponteareas, once tempadas no club. Recuperándose dunha lesión que a afastou a tempada pasada do seu mellor estilo, a braza, no que posúe o récord galego dos 100 metros en piscina de 50. Compatibiliza os adestramentos con segundo de bacharelato.

Iria Lemos (2006) natural de Ponteareas, once tempadas no club. Especialista nas probas de velocidade (50 e 100 metros) en calquera estilo. Tras non poder continuar no Centro Galego de Tecnificación, continuou medrando como nadadora, adestrando na casa, compatibilizando o deporte cos estudos, mantendo unha media de 8 sesións semanais durante o curso. Sen tempo nin espazo para promocionar o noso traballo.

Naiara Eijo (2006) natural de Vigo, catro temporadas no club. Especialista nas probas de costas. Actualmente compatibiliza os adestramentos con segundo de bacharelato, pese a ter que desprazarse desde Vigo en autobús todos os días.

Inés Borge (2006) natural de Ponteareas, once tempadas no club. Especialista en crol e espalda. Outra das nadadoras que compatibiliza segundo de Bacharelato cos adestramentos. Algo que non lle impide manterse cerca das súas mellores marcas.

Naroa Estevez (2008) natural de Salvaterra, nove tempadas no club. Especialista nas probas de fondo. Un exemplo de sacrificio e constancia, chegando a facer as 9 sesións de adestramentos semanais.

“Nove deportistas que renderon por riba do que elas mesmas esperaban, nove deportistas que, evidentemente, non só loitan contra o cronómetro, loitan coas diferentes trabas que lle vai poñendo a vida”

Nove deportistas que renderon por riba do que elas mesmas esperaban, nove deportistas que, evidentemente, non só loitan contra o cronómetro, loitan coas diferentes trabas que lle vai poñendo a vida, persoal, académica e laboral. Deportistas que moitas veces teñen que romper barreiras que de forma inconsciente lle poñen as súas, o seu ambiente máis próximo e máis afastado. Moitas delas escoitaron máis de unha vez “marabillosas” frases: “disto non vas vivir”, “para que adestras tanto”, “a túa vida de nadadora rematou”…

E non vou ser eu quen defenda que deixen de lado a súas responsabilidades académicas e/ou familiares para adestrar, nin creo que ningunha das nosas deportistas faga tal cousa. Pero si teño claro unha cousa: este deporte e o que están a facer para poder chegar a cada desafío que lle vai aparecendo, nas mellores condicións posibles, vailles aportar moito no seu futuro.

Estou moi seguro de que as continuas leccións que están superando constantemente van utilizalas, tanto no persoal como no laboral. Como pode ser a continua superación dos “fracasos” que para min nunca son tal no deporte, porque no deporte cada fracaso é unha ensinanza, é unha das pezas que nos posibilitan construír cada triunfo. Probablemente os ambientes serían máis favorables se a cultura deportiva fose mellor. Unha nadadora do Club Natación Ponteareas, que marchou para Barcelona, e continuou alí a súa vida deportiva, díxome un día que a principal diferenza entre o deporte en Barcelona e Ponteareas, máis alá dos medios, que é o que pensan a maioría das persoas, está na cultura deportiva da sociedade, que non ven estraño ter que levantarse para adestrar ás 6 da mañá e apoian de forma incondicional a súa forma de vivir o deporte, por que así é como saen Mireias ou Phelps.

Penso que é moi difícil buscar responsabilidades, pero o recoñecemento institucional e mediático é imprescindible. E aquí é onde vou darlle significado ao título deste texto. Porque penso que en deportes coma o noso, os que estamos tirando do carro temos tanta dedicación á parte deportiva que non temos posibilidade de darlle publicidade e vender, o noso traballo todo o que deberíamos. E isto último é fundamental nos tempos que corren, pero entramos nun problema, porque eu, e coma min outros profesionais apaixonados do deporte, non estou disposto a que ningún nadador nin nadadora de Ponteareas adestre un pouco menos, ou non teña os mesmos medios ao seu alcance que as mellores, por pararme máis do que podo, a publicar ou a chamar a porta dun contacto, institución, empresa etc.
Vemos constantemente como a actividades nas que non se potencia a base, nin o deporte feminino se lles fai publicidade a “bombo e platillo” por parte de prensa e institucións, mentres outros sen tempo nin espazo para promocionar o noso traballo temos a sensación de que estamos a facer algo mal, que non estamos a petar na porta adecuada, ou que somos uns ilusos que pretendemos loitar contra muíños de vento. Pregúntome que é o que estamos facendo mal, cando non somos capaces de dar visibilidade nin na prensa nin desde as institucións ao maior logro da historia do noso club.

“Club Natación Ponteareas merece recoñecemento, a natación Galega merece recoñecemento e as institucións deberían ser máis próximas con Clubs e deportes coma o noso (…) Club Natación Ponteareas non se rende”

Club Natación Ponteareas merece recoñecemento, a natación Galega merece recoñecemento e as institucións deberían ser máis próximas con Clubs e deportes coma o noso, porque aínda que non sexades capaces de ver os nosos éxitos sabemos que imos na senda correcta e seguiremos adiante, con ou sen vós.

Club Natación Ponteareas na tempada 2023-2024 situouse entre os 19 mellores clubs de España cun equipo formado por 9 mulleres de entre 15 e 26 anos, o club dunha vila quedando por diante de clubs de grandes cidades como Zaragoza, Tarragona ou Madrid. Non fomos capaces de manternos pero para min este feito quedará gravado con letras de ouro, como o máis grande logro ata hoxe. Regresamos á segunda división coa cabeza ben alta e loitaremos por volver a ser de primeira. Club Natación Ponteareas non se rende.