Semana do Ribeiro na Coruña

O xoves 16 recoñecerá o labor de persoas e entidades que axudan á difusión do viño

Ribadavia | O presidente do C. R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, presentou hoxe o programa de actividades da Semana da D.O Ribeiro que se celebra desde onte e ata o próximo día 17 na capital herculina. Fíxoo acompañado de Juan Ignacio Borrego, primeiro tenente de alcaldesa e concelleira de Relacións Institucionais do Turismo e Seguridade Cidadá, que confirmou o apoio do Concello a unha entidade que representa a uns 5.500 viticultores e que está moi presenta na cidade.

E precisamente desa longa relación entre o Ribeiro e A Coruña falou Casares na súa intervención, lembrando que “xa entre os séculos XII e XIV embarcábanse no porto coruñés miles de litros de Ribeiro con destino a Inglaterra”, e incidindo na importancia que a cidade, _“unha das grandes de Galicia”_, e a propia provincia teñen para a D.O., xa que ademais da súa situación estratéxica son tamén grandes consumidoras destes viños.

Con respecto ao programa, o presidente do Consello Regulador convidou a gozar das actividades programadas na Semana da D.O. Ribeiro, que se repartirán entre o salón Planta -1 de Afundación, onde esta mesma mañá inaugurouse o Túnel dos Viños da D.O. Ribeiro, e o Centro Ágora, que acollerá varias catas e a gala de entrega de premios.

O Túnel dos Viños, que rexistrou gran afluencia de visitantes nas súas primeiras horas, poderase ver de 12.00 a 14.30 e de 19.00 a 21.15 h (excepto xoves e venres, que estará aberto só en horario de mañá) con entrada libre, e en palabras de Casares “resume o que se está facendo nos tres vales que articulan o territorio da nosa denominación, Miño, Arnoia e Avia, e farán que calquera que se achegue vai saír de alí coa idea exacta de cómo son os nosos viños, e apreciar tanto da calidade da súa elaboración, como a súa variabilidade”.

En canto ás catas, desenvolveranse todas as tardes, de 20.15 a 21. 15 horas, no Centro Ágora, sendo a primeira esta mesma tarde, sobre os viños treixadura, brancos e tostados, e estará conducida por Alejandro Paadin.

Para mañá, martes, está prevista unha cata especializada en viños tintos de castes con Alberto Varela, uns viños que son “a gran sorpresa do Ribeiro para o mercado, uns tintos que están a alcanzar un gran nivel”, e o mércores haberá outra dedicada a Viños de Mulleres con Nati Cid, centrada en “viños elaborados especificamente por adegueiras mulleres”.

XI Gala dos Premios D.O. Ribeiro
O acto central do programa será a XI Gala dos Premios D.O. Ribeiro, que se celebrará o xoves, día 16, ás 19.00 horas, no Centro Ágora, e na que como xa é tradicional, recoñecerase o labor de persoas, entidades e lugares que difunden o viño.

Juan Manuel Casares lembrou aos premiados nesta edición. Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, que recibirá o Premio Persoeiro de Honra, co que se recoñece “a súa traxectoria e o seu amor por Galicia e Ourense, que levou polo mundo”; a sumiller Pilar Cavero, “unha das máis influentes como divulgadora do sector”, galardoada co Premio Muller e Viño, e a investigadora Emilia Díaz Losada, “que leva moitos anos traballando e sentando as bases do futuro da viticultura”, e que recibirá o Premio Ribeiro en Nós.

Ademais recibirán premios o viticultor José Estévez Fernández, “que representa o que é o Ribeiro e o que ten que ser, recollendo a testemuña de mans do seu pai e pasándollo agora ao seu fillo”, e que será galardoado con Vida entre Vides, e a revista HUM!, que leva máis de dez anos divulgando a enogastronomía, e que recibirá o premio Mellor Tarefa de Comunicación.

Tamén se premiarán varios establecementos: A Mundiña da Coruña, galardoada como Mellor Servizo de Viño en Restaurante; Saborido de Ourense, como Mellor Tenda Especializada – Vinoteca, e Tapas Areal de Vigo como Mellor Taberna – Bar de Viños, e recoñeceranse os mellores viños brancos e tintos, de adega e de colleiteiro da D.O. Ribeiro, elixidos na cata oficial, e que só se coñecerán na propia gala.

Casares Gándara agradeceu o apoio institucional do Concello da Coruña, “que desde o primeiro momento facilitounos as cousas para desenvolver o programa desta semana”, recoñecendo que “todos os medos que tiñamos antes de vir quedaron disipados ao ver a boa disposición municipal”. Pola súa banda, o concelleiro Juan Ignacio Borrego valorou moi positivamente o labor levado a cabo polo C. R.D.O. Ribeiro, e mostrou o apoio do Concello a unha iniciativa “que resulta moi interesante a nivel turístico para a cidade”, animando a cidadáns e visitantes a “coñecer e gozar” os viños desta D.O.