Seis concellos de Ourense reciben axudas para equipamentos culturais

Beade, Bande, Beariz, O Carballiño, Maceda e Trasmiras son os beneficiados

Ourense | Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense, e Fernando Taboada, alcalde de Beade, supervisaron o remate das obras de rehabilitación do anexo do Pavillón Municipal de Deportes de Beade para uso cultural ás que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinou máis de 24.000 euros ao amparo da liña de axudas de 500.000 euros convocada pola Xunta para equipar e mellorar as instalacións e locais destinados a realizar actividades culturais de 44 concellos de Galicia.

O delegado explicou que na provincia de Ourense foron beneficiados, ademais de Beade, os concellos de Bande, Beariz, O Carballiño, Maceda e Trasmiras. Recibirán preto de 70.000 euros para mellorar locais, auditorios e casas da cultura. Todos eles o abeiro das axudas contempladas na convocatoria: axudas para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais e axudas para mellorar os arquivos e fondos documentais.

Manuel Pardo sinalou que no seu conxunto, as subvencións, que se conceden en réxime de concorrencia competitiva, permitirán reforzar os equipamentos culturais de Galicia con diferentes actuacións que inclúen ata dotar de equipamento e mobiliario, realizar obras de reforma, ampliar, modernizar ou mellorar os inmobles ou adquirir materiais técnicos.

Aberta a nova convocatoria
O delegado territorial lembrou que ata o 30 de abril os concellos poderán solicitar as axudas para modernizar e acondicionar espazos de xestión municipal como son bibliotecas, axencias de lectura ou auditorios, entre outros.

Salientou Manuel Pardo que estas axudas enmárcanse no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co mantemento nas mellores condicións das unidades culturais de todo o territorio, garantindo o acceso á cultura de todas as persoas en consonancia co plan de modernización das infraestruturas culturais publicas e da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

Así, desde o Goberno galego preténdese dotar dos medios necesarios aos concellos comprometidos coa acción cultural para que poidan executar os seus programas en condicións óptimas e en espazos adecuados velando polo servizo público que prestan á cidadanía. Deste xeito, poderán solicitar estas achegas os concellos interesados en adquirir equipamento e moblaxe para locais; na realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como na adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento da programación cultural.

As subvencións, que poderán ser de ata 30.000€, tamén se poderán destinar a investimentos en equipamento escénico, audiovisual, de iluminación e son. Inclúese a instalación de sistemas de prevención e seguridade, as accións encamiñadas á mellora da accesibilidade, como a supresión de barreiras arquitectónicas, e medidas de eficiencia enerxética dos edificios. Na foto o acto celebrado en Beade.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.