Seguridade Cidadá da Coruña participa nun congreso de seguridade e prevención en Ecuador

O director deste área, Carlos García Touriñán, impartiu na cidade de Guayaquil unha conferencia sobre a coordinación de emerxencias en grandes eventos

A Coruña | O director de Seguridade Cidadá do Concello da Coruña, Carlos García Touriñán, participa no VI Congreso Internacional OBA – Fundación MAPFRE. Seguridade Viaria e Prevención de Accidentes, organizado de
forma conxunta pola Organización de Bombeiros Americanos (OBA), a Fundación MAPFRE e o Benemérito Corpo de Bombeiros de Guayaquil. O evento comezou onte na cidade de Guayaquil, Ecuador, e remata hoxe.

Touriñán impartiu onte unha conferencia sobre a coordinación de emerxencias en grandes eventos e levou á cidade ecuatoriana toda a experiencia acumulada na súa longa traxectoria profesional no concello herculino. A charla enmarcouse nunha xornada enfocada na preparación, prevención e resposta ás emerxencias.

A xornada de hoxe está dedicada ao eixo da seguridade viaria e prevención de accidentes en ruta e mostraranse investigacións recentes sobre como actuar en situacións de emerxencia relacionadas co rescate vehicular e coa súa prevención.

Este importante evento internacional está dirixido a bombeiros, dirixentes, persoal funcionario estatal, representantes de organizacións sen fins de lucro, profesionais e especialistas da seguridade e outras persoas interesadas na temática.

Outros artigos