
Santiago de Compostela | Persoas emocionadas ou sorprendidas saíron o pasado domingo da Igrexa de San Francisco (Santiago de Compostela). A estrea do Alto Minho International Choir resultou ser un éxito ao encher a Igrexa Matriz de Camiña e conmover ao público de Santiago. A xira da AMIC levou o pasado 25 de xullo á Igrexa Matriz de Camiña e o 26 de xullo á Igrexa de San Francisco, en Santiago de Compostela, o magnífico concerto titulado “Ad Vesperam” (“ao anoitecer”)
Co programa composto por obras de compositores como Sergei Rachmaninoff, Clara Schumann, Alfred Becker e Josef Rheinberger, entre outros, a directora Donka Miteva reuniu voces procedentes de oito nacionalidades. O resultado foi un concerto de gran nivel artístico, sorpreendendo aos asistentes. Previo ao concerto, improvisaron unha actuación de dúas das súas obras na Praza das Praterías, cativando a turistas e persoas que por alí pasaban.
Donka Miteva, directora artística e directora titular do Collegium Musicum Berlin. Traballou con algunhas das formacións corais máis prestixiosas de Europa, como o European Youth Choir ou o coro da Ópera Estatal de Münster.
Formada en dirección coral na Academia Estatal de Música de Sofía e en dirección de orquestra na Escola Superior Robert Schumann de Düsseldorf, é, desde 2019, profesora de Dirección na Universidade das Artes de Berlín e participa regularmente como directora convidada, membro de xurado e relatora nalgúns dos principais encontros corais internacionais. Ademais, forma parte do World Choir Council.
Unha xira que inclúe concertos sinfónicos
Agora, o Alto Minho International Choir unirase á Alto Minho Youth Orchestra (AMYO) para interpretar a Sinfonía n.º 2 «Resurrección», de Gustav Mahler, baixo a dirección do mestre Miguel Sepúlveda.
A xira comezará o 30 de xullo no Centro Cultural de Viana do Castelo (ás 21:30 h), continuará o 31 de xullo no prestixioso Cistermúsica – Festival de Música de Alcobaça (ás 21:30 h) e rematará o 2 de agosto, ás 18:00 h, na Casa da Música do Porto.
Nestes concertos, a AMYO e a AMIC compartirán escenario co Coro Polifónico da Lapa e co Coral de Letras da Universidade do Porto, ademais das solistas Sílvia Sequeira (soprano) e Cláudia Ribas (mezzosoprano). En total, máis de 200 músicos procedentes de sete países participarán nesta produción.
As entradas para o concerto de Viana do Castelo xa están dispoñibles na billeteira do Teatro Municipal Sá de Miranda, mentres que as de Alcobaça e Porto poden adquirirse a través das páxinas web dos respectivos espazos.




