• Segue conectado
  • |

Samuel Solleiro: "Facer música en galego supón posicionarse politicamente"

Négano, pero as Ataque Escampe pariron algunhas das cancións en galego máis redondas do século. O venres celebran 10 anos cun concerto. Samuel Solleiro, banxista, adianta os novos proxectos dos autores de “Galicia es una mierda”.
Por Walter Burns | Santiago
“Tres paradas, unha emigrada e outra co corazón roto que deciden seguir dando concertos”. Tan mal está o circuíto da música para as Ataque Escampe?
O circuíto da música nunca estivo moi alá e nos últimos tempos está peor, pero en todo caso as circunstancias que nos convirten en paradas, emigradas e persoas co corazón roto son extramusicais, claro, e de orixe socioeconómica nos dous primeiros casos. Quen isto responde é a emigrada, e non vivo en Francia polas excelencias da súa cociña precisamente. Todo isto non é unha estética loser, somos –como tanta outra xente ultimamente– auténticos losers. A música cumpre, así, un papel case terapéutico por mal que estea o circuíto.
“Violentos anos dez” é o disco de pop en galego máis maduro do que levamos de década. Canto se equivoca esa afirmación
Entre bastante e moito, como calquera afirmación que empregue o comparativo de superioridade absoluto sobre un produto cultural calquera. Se falamos do punto de vista estritamente musical, equivócase moito. Se falamos da concepción do disco e da súa coherencia, só bastante. Tamén é certo que de década non levamos aínda nin ano e medio.

Galegos de Alabama, tratade ben os galegos, cando van, van para a cama pero acordan no caldeiro. O pop en galego debe ter necesariamente unha vertente social?
Eu non ousaría dicir que deba ter unha vertente social, ninguén está obrigado a nada. Dito isto, facer hoxe música cantada en galego supón necesariamente unha toma de posición política, consciente ou inconsciente, polo que esa vertente social posibelmente sexa máis pertinente que na música feita noutras linguas.
Pero as letras das Ataque non son políticas, polo menos explicitamente …
Nós sempre tratamos de fuxir do panfleto, cando falamos de aspectos sociais o noso proxecto é integrar eses aspectos nos temas propios do pop e do rock na medida en que son cousas que de verdade nos importan e que ocupan unha parte importante nas nosas vidas. Cando un mete nas cancións determinados elementos sen prestar atención a que exista unha tradición que os recoñeza como léxítimos para un xénero, a toma de posición é clara, non só política senón tamén estética. Agora ben, a auténtica vertente social da música non pertence ao discurso senón aos aspectos materiais: produción, distribución, etc. A nosa praxe é, nese sentido, de esquerda e seríao igualmente se falásemos sobre hóquei sobre patíns ou fixésemos música instrumental.
No disco usades moitas gravacións de dobraxes da TVG, a quen hai que pedirlle permiso para usalas?
O máis fácil é falar directamente con Clint Eastwood.

“Está fervendo a rúa de San Pedro” pero logo ben que as Ataque Escampe filma o seu último videoclip ‘coruñeseando’. Que preferides para tocar ou saír, Santiago ou Coruña? Hai algunha diferencia no ambiente musical?
O último videoclip non é unha produción de Ataque Escampe senón do director, Lucas Nadal, que escolleu a Coruña para as localizacións, supoño que por coñecer mellor esa cidade. Dos dous videoclips que producimos nós un está feito en Compostela; o outro na Illa de Arousa, pero é que precisabamos unha praia. Canto ao ambiente musical, en (case) todos os lados hai xente que nos vai ver e que sabe as cancións, aínda que non sexan milleiros. Polo demais non hai un patrón de comportamento establecido por parte do público, depende do lugar, do local, da xente que estea alí, do clima. Persoalmente a Coruña paréceme unha cidade tan válida como calquera outra, pero o verbo “coruñesear” dáme arrepíos, non sei por que.
Hai doce anos que se formou Ataque Escampe, contabades aguantar tanto?
Os membros de Ataque Escampe coñecémonos aí a finais de 2001 e comezamos a facer algunha canción nos primeiros meses de 2002, hai dez anos pois. O 20 de abril imos celebrar por todo o alto os nosos dez violentos anos nun concerto-gala en Compostela e posibelmente a celebración se espalle ao longo do verán e culmine cun disco en directo antes do outono. Se contabamos aguantar tanto? Supoño que non contabamos aguantar nin un mes.

Que vos empuxa para seguir nisto?
O que nos empuxa é que ningún de nós ten absolutamente nada máis interesante que facer na vida que isto. Soa brutal pero non é tan malo, pásase bastante ben.
Cando teremos un novo disco das Ataque Escampe?
Supoño que en breve comezaremos a preparar novo material, pero a cousa vai ir con calma. É precipitado arriscar unha data. En todo caso imaxinamos que non sairá un disco de cancións novas antes do outono de 2013. Antes diso haberá sorpresas (unha delas xa non o será porque a desvelamos na resposta anterior).
Os próximos bolos son onde e cando?
Volvemos ao formato quinteto para facer tres concertos en abril, fixemos un o 14 no Irixo, nun festival contra a incineradora; outro, o xa mencionado do décimo aniversario, o 20 na sala Moon de Compostela, e o último o 21 na praza do Correxidor de Ourense.
E que andan a escoitar as Ataque Escampe nesta primavera?
Este servidor anda a escoitar Gato Pérez, Swans, Bikini Kill, DasKapital, Julio Sosa, Aaron Neville, Momus, Damas Gratis e moita música rebétika. Un dos meus compañeiros fálame tamén de Mark Lanegan e do Grupo de Expertos Solynieve. Outro puxo o outro día uns vídeos de rock turco no facebook.
As Ataque Escampe tocan este venres a partir das 22:30 na Sala Moon de Santiago. O seu décimo aniversario. A entrada vale catro euros.
Tomado de GaliciaConfidencial

Publicado o 19 Abr 2012 en Entrevistas.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses desde a súa publicación. É posible que o contido non estea actualizado.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies