Salvaterra do Miño exhibe o puzzle “Vida Salvaxe”

Con 33.600 pezas no Parque Público A Canuda

Salvaterra do Miño | Dende hoxe a/os visitantes do Parque Público A Canuda poderán gozar dun dos puzzles máis grandes do mundo, con 33.600 pezas, que está exposto nas aulas do recinto e que ata o ano 2017 era o máis grande. Agora mesmo atópase entre os 5 de maior tamaño do mundo.

VIDA SALVAXE, así se chama o puzzle que a partir de hoxe estará exposto nas instalación do Parque de A Canuda, cedido temporalmente pola nosa veciña Mónica Cabaleiro Álvarez, natural da Parroquia de Leirado.

Mónica comezou a montalo o 6 de abril de 2020 e rematouno en marzo deste ano. Sen dúbida o confinamento supuxo unha adicación enorme, xa que aproveitaba todas as horas de sol para, peza a peza, darlle forma a este xigante salvaxe. De case un ano que lle levou rematalo, Mónica fixo a metade do puzzle en dous meses, baixando a intensidade unha vez que se levantou o confinamento para continuar  traballando pouco a pouco ata por fin rematalo.

O puzzle mide 1,77m x 570cm e pesa case 20kg. É o segundo máis grande do mundo dunha soa imaxe. Esta imaxe foi dexeñada en exclusiva por un ilustrador, feito a medida e a escala soamente para este deseño.

Mónica cede temporalmente moi orgullosa o seu traballo para que toda/os, grandes e cativa/os, poidan contemplar as grandes imaxes e o seu traballo. Ao mesmo tempo, xa nos adianta que se está a preparar para facer o anterior a este en tamaño, con 24.000 pezas, para despois pasar ao máis grande do mundo que hai agora mesmo e que conta con 42.000 pezas; este último mide 8m de longo co cal proximamente ampliaremos a exposición.

Dende o Concello agradecemos enormemente a Mónica que comparta con toda/os o seu traballo e esforzo, estando segur@s de que será unha fonte de admiración e inspiración especialmente para os nena/os.

Outros artigos