Salvaterra do Miño e a Xunta organizarán simulacro de incendio forestal de Nivel 2

Para finais de maio no entorno de Ramallás, Ponte Cordeiro e no Polígono Industrial Chan da Ponte

Salvaterra do Miño | O Concello de Salvaterra de Miño e as Consellerías do Medio Rural e de Presidencia, Xustiza e Turismo organizarán a finais de maio, no entorno de Ramallás, Ponte Cordeiro e no Polígono Industrial Chan da Ponte, un simulacro de incendio forestal de nivel 2 co obxectivo de seguir mellorando a preparación e coordinación ante posibles emerxencias.

Así o informou hoxe a alcaldesa Marta Valcárcel, quen indicou que este tipo de exercicios simulados serven para comprobar que todas as cadeas de traballo, humanas e materiais operan con total coordinación. En todo caso, insistiu en que os medios e as operacións danse cunha perspectiva de colaboración, compartindo os actores implicados, o seu coñecemento do terreo e os medios cos que traballan.

En canto aos detalles, Valcárcel sinalou que se comprobarán os procedementos de activación, mobilización e constitución dos diferentes grupos operativos do PEIFOGA; a coordinación entre PEIFOGA e PLADIGA; o adestramento e concienciación do persoal pertencente aos diferentes grupos operativos dos centros de coordinación, mando e control, especialmente no referente a formación do Puesto de Mando Avanzado; do Procedemento de Emerxencias en caso de accidente en extinción; do sistema de comunicacións baseado na rede TETRA; así como o adestramento no uso de métodos de ataque directo binomio CB- Cuadrilla e estendidos de mangueira e indirecto con faixas de ensanche e contralume.

A alcaldesa Marta Valcárcel durante a xuntanza no Concello de Salvaterra do Miño.

Tamén, dixo, sobre o entrenamento conxunto do dispositivo SDCI da Xunta de Galicia cos equipos de Bombeiros, en canto as medidas a seguir de protección de vivendas e de autoproteción da poboación, e a información á mesma en caso de incendio forestal.

Xa para rematar, apuntou que todo o simulacro estará coordinado a través da constitución dos centros de mando e control, desde onde se procederá a alertar e mobilizar ao persoal que integra todo o dispositivo, confirmando medios de localización e desprazamento.