
Salvaterra de Miño | Con motivo do Día Internacional do Turismo que se celebra cada 27 de setembro, o Punto de Información Turística, situado no Castelo de Dona Urraca, puxo en marcha unha campaña nas redes sociais para promover os atractivos turísticos do municipio.

A campaña inclúe lugares como a Fortaleza de Salvaterra e o Castelo de Dona Urraca, o Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea ou as Termas de Teáns. Tamén se dará visibilidade a outros lugares como o Portal e a Fonte da Inquisición, en Corzáns, a Ponte Medieval da Fillaboa e a Capela do Monte Castelo. O percorrido completarase con imaxes e contidos sobre o río Miño e outros espazos naturais, así como sobre os recursos relacionados co viño e o termalismo.
Interese británico polo enoturismo do Condado
Promovida pola Ruta do Viño das Rías Baixas, cinco axentes turísticos británicos especializados en enoturismo e representantes da Oficina de Turismo de Londres visitaron Salvaterra para coñecer o Museo da Ciencia do Viño e descubrir a oferta turística do municipio como o recinto fortificado, o patrimonio histórico, o río Miño, os espazos naturais, a gastronomía e as tradicións vinculadas ao viño.




