Salvaterra de Miño, pioneiro no aproveitamento lúdico da auga

Autorizado para o seu Espazo Termal de Teans-Oleiros

Salvaterra de Miño | Xustamente a semana a seguir da entrada en vigor da LEI 8/2019 do 23 de decembro de regulación de aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, O Concello de Salvaterra de Miño comezaba cos trámites oportunos para acadar a autorización de aproveitamento lúdico; un traballo que xa se tiña avanzado bastante e que permitiu que Salvaterra de Miño sexa a día de hoxe o primeiro e único Concello que ten autorización de aproveitamento lúdico do seu Espazo Termal de Teans-Oleiros.

A solicitude de autorización foi acompañada dun proxecto xeral de aproveitamento e do estudo xustificativo do perímetro de protección.

Foi a comezos do ano 2019 cando Salvaterra inauguraba o seu Espazo Termal logrando atraer a moitos visitantes da provincia e norte de Portugal, contabilizando una media de 200 usuaria/os ao día.

Por una banda polo privilexiado da súa ubicación e por outra polas características das propias augas, que conteñen un amplo abano de propiedades e que xa dispuñan da Declaración de Augas Termais e Mineromedicinais pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, condición previa para a tramitación do aproveitamento lúdico das augas.