Salvaterra conmemora a orixe da vila co certame “Salvaterra Milenaria”

Salvaterra vila milenaria escolle os traballos gañadores do primeiro certame artístico e presenta a súa programación para o próximo 24 de maio.

Salvaterra Milenaria

Salvaterra de Miño | A 1ª Tte de Alcalde, Marta Valcárcel Gómez reúnese cos representantes dos Centros Educativos de Salvaterra que participaron no Primeiro Certame “Salvaterra Milenaria” co fin de escoller os traballos gañadores deste certame.

O próximo 24 de maio, festivo local, e dentro da programación do acto conmemorativo, farase entrega dos premios do primeiro certame artístico que organiza o Concello co obxectivo de que o alumnado dos Centros de Ensino do Concello nos ofrezan a súa visión do pasado da nosa vila, ao tempo que se fomenta a súa imaxinación e creatividade, así como a participación nas actividades culturais do Concello. Para elo establecéronse diferentes categorías, atendendo tanto a disciplina utilizada como a idade dos/as participantes: Debuxo para os nen@s de preescolar, manualidades para @s de primaria e secundaria e relato para @s de bacharelato.

As obras deberán ser orixinais e inéditas, estar en lingua galega e ter unha temática relacionada co pasado de Salvaterra de Miño, a ser posible coa etapa medieval.

Haberá tres premios por cada categoría que consistirán en vales para gastar en material escolar, informático ou deportivo. Os traballos serán expostos na web do Concello e nas covas de Dona Urraca o día da conmemoración do Milenario da Vila, o 24 de maio no Castelo de Dona Urraca, enmarcados da programación que ofrece o Concello a tod@s os seus veciñ@s que comezarán as 11.00h da maña coa benvida e recreación do acto de cesión da Vila de Laceduruim, un 24 de maio do ano 991; ás 11,15 farase entrega dos premios do certame, ás 11.30 terá lugar a actuación do Coro Lacedurium e o acto pecharase cun espectáculo de “Malabares medievais” e xogos tradicionais na Praza da Igrexa.