Salceda solicita subvención para Centro de Día

Dentro do acordo asinado entre o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e a FEGAMP

Salceda de Caselas | O concello de Salceda de Caselas, ven de solicitar a súa participación no Plan de Investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais integrado dentro do acordo asinado entre o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

Solicitouse a participación para o financiamento da construción dun Centro de Dia en Salceda de Caselas de 1.000 metros cadrados cunha capacidade para atender a 40 usuarios/as.

O edificio igualmente contará coas últimas dotacións en relación cos seus sistemas de eficiencia enerxética e o uso de enerxías renovables.

Dende o goberno municipal considérase o centro de DIA un servizo imprescindible, non so para o coidado das persoas maiores senón tamén para acadar a conciliación, xa que son as mulleres as que na maior parte dos casos se encargan dos coidados das mesmas. Salceda conta cunha poboación de mais de 1.500 veciños e veciñas maiores de 65 anos.

A subvención solicitada para a construción do centro de DIA encádrase dentro do marco dos fondos europeos procedentes do mecanismo de recuperación e resiliencia que están sendo xestionados a través do convenio asinado entre o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e a comunidade autónoma galega.

A concelleira de Benestar Social Ángela Ledo Souto e a alcaldesa Verónica Tourón destacaron a importancia de que Salceda poida contar coas dotacións e infraestruturas necesarias para asegurar nun futuro os mellores servizos e coidados para os nosos maiores e aplicar políticas que fagan fronte ao reto demográfico relacionado co envellecemento da poboación nos entornos rurais.

Outros artigos