
Salceda de Caselas | Os Concellos de Salceda, As Neves e Salvaterra volverán desenvolver un ano mais e xa por quinta vez consecutiva o Programa Xuntas despois de obter unha das puntuacións máis altas de toda Galicia na convocatoria autonómica destinada a proxectos de igualdade e prevención da violencia de xénero. Esa puntuación permitiu obter o 100% do importe solicitado, que ascende a 19.898,45€.
A iniciativa, impulsada ao abeiro da convocatoria de axudas da Xunta cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus, está dirixida especialmente a mulleres en situación de vulnerabilidade e aos seus fillos e fillas, prestando atención a vítimas de violencia de xénero, migrantes, con discapacidade e en situación de precariedade económica ou con especiais dificultades sociais e laborais.
O programa manterá ademais un servizo especializado de asesoramento psicolóxico, xurídico e laboral con atención individualizada. A edición de 2026 contará con arredor de 70 participantes e desenvolverase entre os meses de maio e setembro.




