
Salceda de Caselas | “Péchase un ciclo de transformación pero non será o último”. Así explicou a Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, a nova etapa que se abre para o Mercado Municipal de Salceda, que este 28 de maio reabriu as súas portas cunha renovación das súas instalacións, mais modernas, con maior accesibilidade e apostando pola “proximidade” coa veciñanza e o comercio local.

Unha aposta que tamén inclúe “o produto de calidade”, tal e como explicou a concelleira Selene González, quen fixo memoria das anteriores renovacións da Praza de Abastos en 2013, 2014, 2021 e agora neste 2026 no que remata “este ciclo de transformación”.

O acto, que estivo amenizado coa actuación do Grupo Pontenova de Salvaterra, contou coa participación da Asociación de Comerciantes e Industriais de Salceda (ACISA); do arquitecto Carlos Álvarez, responsable da obra realizada pola empresa NAROM S.L; e do director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, quen destacou o investimento de 200.000€ por parte do goberno autonómico no marco da ampliación da Rede de Mercados Excelentes.

Ao final do acto descubriuse a placa conmemorativa desta obra por parte dos praceiro/as.




