Salceda e CHMS buscan sanear as parroquias de Entenza e Soutelo

Estudan posibilidades de financiamento e investimento

Salceda de Caselas | A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, acompañada do Concelleiro de Axenda Ecolóxica, Marcos Troncoso, e o arquitecto municipal, Rubén Martín, reuníronse esta semana co Presidente de Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, para trasladarlle diferentes cuestións do municipio afectadas polo organismo estatal.

O Presidente da Confederación comprometeuse a estudiar as posibilidades de investir no saneamento das parroquias de Entenza e Soutelo unha vez se estableza a partida orzamentaria nos orzamentos xerais do Estado, establecendo este tipo de investimentos como prioritarios. O Concello traballa xa na actualización dos proxectos de saneamento existentes para estas dúas parroquias para facelos chegar canto antes.

Na reunión trasladouse tamén a preocupación polo estado da Ponte do Picado, na parroquia de Entenza, que presenta deficiencias que fixeron que por parte dos Concellos de Salceda e Salvaterra se pechase xa o tráfico na estrada que transcorre sobre a ponte para evitar posibles perigos.

O Presidente de Confederación comprometeuse a colaborar coa elaboración dun informe de estado que sirva de base para a obra de reparación que haxa que acometer. Por último, Jose Antonio Quiroga comprometeuse a revisar e acelerar aqueles permisos solicitados dende o Concello para diferentes obras que requiren autorización sectorial por parte de Confederación Hidrográfica e sen os cales non se pode continuar coa tramitación das diferentes actuacións.

Marcos Troncoso, Concelleiro de Axenda Ecolóxica, agradeceu a boa predisposición do Presidente e a súa celeridade por atender a solicitude de reunión feita dende o Concello.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “como xa se ten demostrado, a colaboración entre administracións é fundamental, e en moitas ocasións é o único xeito de sacar proxectos de peso adiante. Pola nosa banda non imos deixar de reunirnos, xestionar e traballar con quen sexa preciso, agradecendo a atención prestada neste caso polo Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil”.