Salceda de Caselas aproba a construción da súa segunda escola Galiña Azul

Salceda de Caselas| O Pleno do Concello de Salceda de Caselas aprobou por unanimidade a solicitude de construción dunha segunda escola infantil de 0 a 3 anos no municipio, nos terreos que o Concello posúe ao lado do novo centro de saúde, na rúa Mártires de Sobredo.

A propia alcaldesa defendeu a moción, na que se recollía que Salceda de Caselas ten a sorte de ser unha das vilas con maior índice de natalidade de toda Galicia, polo que as diferentes administracións deben unir esforzos en ofrecer servizos de calidade para os nenos e nenas. As prazas da única escola infantil de Salceda resultan a todas luces insuficientes tal como demostran os datos, con 76 nenos/as en lista de agarda no 2018, 52 no 2019 e 34 no 2020, cun claro descenso de solicitudes neste ano por mor da COVID19.

Actualmente a Xunta de Galicia está a diminuír as cifras das listas de agarda sufragando os gastos en escolas infantís privadas, cando a aposta debería ser a de construír novas escolas públicas, por exemplo no noso Concello.

O 6 de agosto de 2018, representantes municipais mantiveron unha xuntanza co Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para trasladarlle a necesidade dunha segunda escola infantil en Salceda de Caselas. O Xerente do Consorcio amosouse de acordo coa necesidade dunha segunda escola infantil, comprometéndose a traballar no proxecto dende o equipo técnico municipal.

O 10 de agosto de 2018, o Concello de Salceda enviou anteproxecto de Escola Infantil a realizar na parcela situada na Rúa Mártires de Sobredo de Salceda de Caselas, para o seu estudo e aprobación por parte de dito Consorcio. Dita parcela está cualificada xa como parcela de equipamentos EQ02 dentro do PERI UE-02, polo que se pode dispoñer dela para este uso de xeito inmediato.

O 27 de setembro de 2018, enviouse proxecto básico para a construción dunha nova escola infantil en Salceda de Caselas, solicitando tamén a emisión do correspondente informe sectorial.

O pasado 28 de setembro, a Alcaldesa, a Concelleira de Benestar e a ANPA da Galiña Azul mantiveron unha xuntanza na que ambas partes coincidiron na necesidade dunha segunda escola infantil pública en Salceda de Caselas.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, manifestou que a día de hoxe o Concello non ten noticias de que se estea a xestionar a construción da segunda escola infantil: “apelamos á rigorosidade da Xunta e o Consorcio, coñecedores da necesidade de dotacións para a poboación infantil nun Concello coma o noso, na que nacen unha media de 100 nenos e nenas cada ano, e no que levamos moitos anos con listas de agarda na única escola infantil da que dispoñemos actualmente. O Concello puxo todo da súa parte, coa disposición de terreos e a redacción do proxecto básico, e agora tócalle á administración autonómica cumprir coa veciñanza de Salceda”.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!