Salceda celebrará a súa XXVIII Festa dos Callos “máis global e transversal”

Volve do 1º ao 4 de setembro tras dous anos de pandemia

Salceda de Caselas | A tradicional Festa dos Callos de Salceda volve na súa XXVIII edición a celebrarse entreo 1º e 4 de setembro cun formato “global e transversal”, en palabras do Concelleiro de Cultura e Festexos, Álex Rodríguez, e que consolida a “madurez” desta festividade, tal e como asegurou a alcaldesa Verónica Tourón, quen ademais sentiuse “ilusionada” por ser esta a súa primeira festa dos callos como rexedora municipal e por volver con forza tras dous anos de pandemia.

O cartaz do evento foi presentado este 29 de agosto na céntrica Praza do Concello, coa consecuente degustación dos callos entre os asistentes e a veciñanza.

Na presentación estiveron presentes ademais da alcaldesa Tourón; o Concelleiro de Cultura e Festexos, Álex Rodríguez; o Presidente do Grupo Señorío de Rubiós, Antonio Méndez, que presentou o seu viño Susón de Toro e tamén o Manuel D’Amaro, gañador da recente Festa do Viño do Condado en Salvaterra de Miño; cos representantes do grupo Coren Fernando Córdoba e Alejandro Alonso, mestre cociñeiro desta festa. ademais doutros membros da Corporación Municipal como a tenente de alcalde Loli Castiñeira.

Esta será unha festa dos callos plenamente ecolóxica a través da presenza de material compostable, pero principalmente de carácter “antiinflación”, xa que mantense os prezos de anos anteriores na ración de callos en 8 euros para degustar na feira e 6 euros para levar, contando con pan, viño e auga.

O mestre cociñeiro Antonio Alonso asegurou que, para esta ocasión, se repartirán 20.000 racións de callos. Ante a previsión de choivas tamén haberá carpas na céntrica praza.

Esta edición contará cun amplo programa a desenvolverse na Praza do Concello e no Auditorio Municipal. O xoves 1 estará a presentación de Rockeamos todas con Pakolas a partir das 20 h na Praza do Concello e logo ás 22 h o Concerto do Dúo Souzar no Auditorio Municipal.

O venres 2 o Festivaliño On The Road a partir das 18 h na Praza do Concello e o XIV Serán dos Callos ás 22:3o h na Praza do Concello. O sábado 3 será o I Concurso de Charangas ás 19 h polas rúas do Concello e ás 00:00 h o Concerto de Turre’s Band.

O día grande da festa será o domingo 4 a partir das 9:30 h coa apertura das billeteiras e despacho dos callos, a lectura do Pregón ás 12 h a cargo de Pepo Suevos e a animación de Animar-T e Charanga Nova Joma. Ás 20 h rematará a XXVIII edición da Festa dos Callos de Salceda cun monólogo de Pepo Suevos no Auditorio Municipal.

 

 

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.