“Ruta de Palacios” valora a obra do arquitecto porriñés Antonio Palacios

Co Campo Internacional de voluntariado conformado por 15 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos

O Porriño | O Porriño acolle estes días o Campo Internacional de Voluntariado Ruta de Palacios, unha actividade impulsada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia en colaboración co Concello do Porriño e a cooperativa Avada.

15 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, chegados de México, Francia, Madrid, Sevilla, Ermua, Logroño ou a Coruña, desenvolven actividades culturais e visitas guiadas polo casco histórico do concello para poñer en valor a vida e obra do arquitecto Antonio Palacios, natural do Porriño.

En 2022 tivo a súa primeira edición e nesta segunda búscase dar continuidade ás actividades comezadas o pasado ano, cunha curtametraxe sobre Antonio Palacios e o seu legado no Porriño e contorna. Ademais dunha serie de vídeos divulgativos en varios idiomas que plasman todo o traballo realizado.

“Con estes campos de traballo buscamos fomentar os valores do voluntariado entre a mocidade, como a intercooperación e posta en valor do patrimonio, neste caso arquitectónico/artístico”, explicou o concelleiro de Xuventude, Antonio Barros. “O seu traballo non só será enriquecedor para eles, senón para todos”.