
O Porriño | O Concello do Porriño suma un novo recurso ao seu catálogo de turismo sostible e deportivo coa posta en marcha da nova Ruta Cicloturista O Porriño. Trátase dun percorrido circular deseñado co asesoramento dun equipo técnico especializado, no que colaboraron activamente o deportista Guti Martín e o clube local Master Louriña.
“No Porriño sabemos e podemos unir o deporte co turismo, cuns entornos únicos ademais adaptados para as dúas rodas”, apunta o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que destaca a forte presencia dos aficionados ao ciclismo no municipio, e tamén a importancia dos monumentos arquitectónicos e naturais que esta ruta percorre. Así, a ruta ten o seu punto de partida e chegada no centro da vila, na contorna do Templete de San Luís, obra do arquitecto Antonio Palacios. O trazado discorre inicialmente xunto ao río Louro e as Gándaras de Budiño, unha zona integrada na Red Natura 2000 e refuxio de fauna, para iniciar despois o ascenso cara ao Faro de Budiño. Trátase dunha impresionante formación rochosa no alto da montaña onde se atopan vestixios arqueolóxicos que evidencian a ocupación humana desde tempos remotos.
Ademais a ruta pasa polas ruínas do Castelo de Cans, unha antiga fortaleza medieval que vixiaba o paso polo val desde a súa privilexiada posición a 358 metros sobre o nivel do mar. A panorámica desde o alto do monte ofrece vistas impresionantes do val do río Couso e do Val do Louro, revelando tamén a presenza de outras fortalezas antigas e desaparecidas na rexión.
Destaca tamén o Rexedor que a Fonte de San Sebastián se converta en punto de encontro desta ruta onde ademais dun tótem informativo co trazado, hai unha estación de auto-reparación e mantemento de bicicletas. Este novo punto conta con soporte para colgar a bici, bomba de inflado e ferramentas básicas para realizar pequenas reparacións no momento.
Acudía a este entorno xunto á concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, que puña en valor o turismo de natureza e calide nun municipio, punto de partida do Camiño de Santiago, con grandes atractivos no entorno.
Plan de sostibilitade turística
A actuación inscríbese no proxecto “Creación de rutas cicloturistas en contornas enogastronómicas”, impulsado desde o GDR Galicia Suroeste no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.
Esta liña de actuación está financiada pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España). Coa súa posta en marcha, preténdese fomentar o uso da bicicleta, reducir a pegada de carbono, desestacionalizar a oferta turística da contorna e ofrecer novas opcións de ocio saudable tanto para a veciñanza como para os visitantes.
A ruta xa se atopa dispoñible para a súa consulta e descarga dixital nas principais plataformas de navegación e sendeirismo (Wikiloc, Komoot e galiciasuroeste.gal).
Características técnicas do percorrido
Cunha lonxitude total de 30,87 quilómetros e un desnivel acumulado de 594 metros, o percorrido está clasificado como de dificultade media, cunha duración estimada de 3 horas e media. A ruta está pensada especialmente para bicicletas de montaña (BTT) ou gravel, transcorrendo nun 48% por pistas sen asfaltar, un 23% por estrada, un 16% por pista asfaltada e o 13% restante por camiños e sendas.




