Rusia inaugura o seu primeiro Consulado Honorario en Galicia

Estará en Vigo e o seu representante será o empresario Pedro Mouriño
O vicepresidente Rueda, Pedro Mouriño e o embaixador Yuri D. Korchagin

Vigo | Por primeira vez na súa historia, Galicia terá un Consulado Honorario da Federación de Rusia. Este 28 de xuño, a sede do Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo foi o escenario que permitiu a inauguración formal deste Consulado Honorario, que terá ao empresario Pedro Mouriño como o seu representante.

No evento de nomeamento de Mouriño como Cónsul Honorario participaron o embaixador da Federación de Rusia en España, Excmo. Sr. Yuri D. Korchagin, así como o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañados de altos cargos institucionais, diplomáticos, políticos e empresariais.

No seu discurso previo ao outorgamento a Mouriño do exequátur ou nomeamento oficial que lle califica como Cónsul Honorario da Federación de Rusia en Galicia, o embaixador Korchagin eloxiou a “acertada elección” de Mouriño para este cargo.

O Cónsul Honorario de Rusia en Galicia, Pedro Mouriño, durante o seu discurso.

Mouriño, director da empresa IberAtlantic, salientou durante o seu discurso a súa prolífica relación con Rusia que, entre outros aspectos, levoulle a ser observador electoral en diversos comicios presidenciais, lexislativos para a elección da Duma (Parlamento) e municipais no país euroasiático, así como tamén no histórico referendo de Crimea celebrado en marzo de 2014, que permitiu a esta península o seu regreso á soberanía da Federación de Rusia.

Paralelamente, o vicepresidente Rueda aproveitou o contexto deste nomeamento para conectar co Xacobeo 2021-2022, reflectindo na importancia que ten o Camiño de Santiago para a construción de Europa, un proxecto que igualmente une a Galicia e Rusia no plano turístico, cultural e espiritual.

Marina Bakhtina, presidenta da Asociación “Eslavos en Galicia”, e o embaixador Yuri D. Korchagin.

Previo ao acto institucional de inauguración deste Consulado Honorario da Federación de Rusia en Galicia, o embaixador Korchagin entregou a Marina Bakhtina, presidenta da Asociación “Eslavos en Galicia”, un documento oficial outorgado pola Comisión Gobernamental de Rusia para Asuntos Estranxeiros, que recoñece o seu labor a favor da diáspora rusa en Galicia.