“Rosalía, a súa casiña, o meu lar” chegará a 35 centros escolares pontevedreses

A través da Deputación de Pontevedra e a Fundación Rosalía de Castro con visitas a súa Casa-Museo

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra abre este venres 9 de febreiro o prazo para que ata 35 centros educativos da provincia poidan participar no programa “Rosalía, a súa casiña, o meu lar”, impulsado pola institución provincial en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro.

Trátase dunha iniciativa para que o alumnado da provincia coñeza a riqueza cultural da colección da Casa- Museo de Rosalía en Padrón, o intenso labor que desenvolve e se achegue á figura e legado da autora. Deste xeito, a Deputación destina a esta iniciativa 27.100 euros e farase cargo tanto dos custes da entrada como do transporte do alumnado dende os centros de ensino da provincia ata a Casa de Rosalía en Padrón.

A visita, guiada polo persoal do Departamento de Educación da Casa-Museo, estará apoiada no material didáctico enviado previamente a cada centro educativo e adaptado a cada etapa (Primaria, ESO e Bacharelato). No seu percorrido, o alumnado coñecerá os acontecementos que marcaron a vida e a obra de Rosalía. Así, na planta baixa, denominada “O perfil dunha sombra”, os escolares poderán apreciar a dimensión desta emblemática figura da cultura galega e universal: a súa vida, a contorna que a rodeou e a relación do pobo galego coa figura da escritora, mentres que na primeira planta, denominada “O seu”, vivirán unha recreación da casa rural da época, entre labrega e fidalga. Ademais, durante o transcurso da visita, realizarase unha proxección audiovisual sobre a figura de Rosalía, que rematará coa entrega ao centro de varios volumes literarios da autora.

Os centros educativos interesados en beneficiarse de “Rosalía, a súa casiña, o meu lar” deberán, en primeiro lugar, concertar as vistas co departamento de Educación da Casa-Museo a través do correo fundacion@rosaliadecastro.gal ou do teléfono 981 811 204. Unha vez acordada a cita, terán que presentar a súa solicitude a través da Sede Electrónica da Deputación entre este venres, 9 de febreiro, e o 1 de decembro de 2024, sempre cun mínimo de 20 días naturais de antelación á data de realización.