Rompemos España ou non?

Levamos un tempo escoitando a cantinela de que España se rompe. Claro que os rompedores son sempre os mesmos que non dan feito o traballo: os nacionalismos periféricos porque o nacionalismo central ese non lle causa ningún dano á España dos Reis católicos: unha, grande e libre.

Claro que co xuramento da Constitución por parte da princesa Leonor a cousa parece que se vai endereitar. Alomenos a rapaza dixo que ía servir a España, a España unida claro, con todas as súas forzas. Solicitounos comprensión porque, obviamente, aínda non está preparada pero xa mostra estilo.

Xa se fala dunha nova moda: a Leonormanía, as redes sociais xa se encargarán de subila ao máis alto posible para que non se desanime. A pregunta que podemos facernos é que sabe esta rapaza do paro xuvenil, dos problemas para alugar unha vivenda, de atopar un traballo digno, etc. Ela dende as alturas monárquicas que lle veñen de cuna atrévese a ofrecernos as súas forzas para defender España.

“Xa se fala dunha nova moda: a Leonormanía”

Foi Manuel Azaña quen en 1932 dixo: actualmente en España a forma estricta da vida nacional é a República, aínda que as xentes deslumbradas chegaron a dicir que eu ía deixar de ser español. Eu preguntaríalle que saben eles/as de España e dos españois; porque España é anterior a Recaredo e cando os vestixios de Recaredo desaparezan, España resistirá porque nós, os republicanos que fixemos a República, o que fixemos foi poñer punto a unha disgresión monstruosa da Historia de España que comeza no século XVI cando se corta o normal desenvolvemento do ser español poñendo con toda a súa enerxía e toda a súa grandeza ao servizo dunha dinastía servidora a súa vez dunha idea imperial e católica”.

Pero non nos quedemos no ano 1932. Os que estes días puideron contemplar as rúas de Madrid ateigadas de bandeiras e de carteis coa cara de Leonor entendemos o intento de lavado de cara que se lle quere aplicar á monarquía actual, un barniz de modernidade, ata feminista; pero non hai nin raiña feminista, nin república monárquica. Por desgraza segue sendo o PSOE o garante da permanencia da monarquía actual aínda que esta se retratara ultimamente moi escorada á dereita.

Levamos xa un tempo bombardeados cunha posible amnistía que o lle concedería aos responsables do famoso procés catalán. Na medida en que o tempo se acaba os movementos en contra son máis acelerados cada día.

Por unha banda o PP, que dispón de maioría no Senado, está utilizando esta ferramenta para deter o maior tempo posible o rexistro da proposición de lei que o Goberno en funcións pretende presentar tanto na Mesa do Congreso coma no Senado. Quere reformar por vía de urxencia o artigo 133 que lle permitiría retrasar o rexistro desa lei durante 20 días.

Así mesmo pretende forzar á Mesa do Senado onde ten maioría absoluta para decidir a aplicacion do procedemento de urxencia. Todolos atrancos posibles con tal de que non se constitúa un novo Goberno de progreso, como din os socialistas.

A maiores, 8 membros do Consello Xeral do Poder Xudicial, que está en funcións dende fai 5 anos, entran a saco no debate sobre a amnistía solicitando un Pleno urxente  para o vindeiro luns aínda sen coñecer o texto da “famosa” amnistía. Este órgano de Poder segue sen actualizarse dende os tempos de Rajoy cando o PP tiña maioría no Parlamento. Tiña que ser renovado fai 5 anos pero os populares néganse porque así teñen unha arma de ataque ao goberno a súa disposición.

Veremos en que remata todo este rebumbio. Esperemos que as cousas se vaian decantando sen presas pero sen pausas dunha maneira racional e non sometidas a estes ataques de ira, de furia desatada polas camadas da dereita que non asumen que xa non mandan nesta España que din están rompendo e que non acaba de romper.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.