Roi Alfonso Tojo proclámase vencedor do V Concurso de Xoves Intérpretes “Antonio Granja” no Rosal

Certame en honor a Antonio Granja, un dos membros fundadores da Agrupación Musical do Rosal

O Rosal | Este certame naceu fai 7 anos ca firme intención de incentivar o estudo dos xóvenes músicos galegos, especialmente os da abundante e exitosa canteira da Agrupación Musical do Rosal. Nesta edición participaron un total de 31 músicos chegados de diferentes puntos da xeografía galega.

Durante a fin de semana foron moitos os pequenos e grandes artistas que fixeron as delicias do público asistente ás audicións deste consolidado concurso. Así, na mañá do sábado participaron 20 aspirantes ós premios das categorías A (para solistas de entre 10 e 12 anos) e categoría B (de entre 13 e 16). Os gañadores foron Thai Otero Iglesias (violoncello) e Rubén Guerreiro Álvarez (saxofón) respectivamente. O xurado, formado por David González, Sara Pumar e Fernán Rodríguez, decidiu outorgar accésits a Álex Fornos, Antía Domínguez e Xiana Aldea polas súas interpretacións.

Xa durante a xornada dominical, os asistentes, puideron desfrutar dos participantes da categoría C (para solistas de entre 17 e 23 anos).

O xurado formado nesta ocasión por Xabier Oliveira, Óscar González e Esteban Méndez, decidiu outorgar o 3º premio “Concello do Rosal” ó tuba Rubén Fernández, o 2º premio “Rodrigo Carrera” o percusionista Jorge Denis e o 1º premio, dotado con 500 € e un concerto como solista ca prestixiosa banda rosaleira ó saxofonista Roi Alfonso Tojo.

Este certame pretende render unha merecida homenaxe a Antonio Granja, un dos membros fundadores da banda e que foi presidente durante moitos anos da Agrupación Musical do Rosal.

O propio Antonio, emocionado, entregaba o trofeo, realizado polo artesán rosaleiro Xuxo Malone, ó gañador do concurso, non sen antes contar ó público asistente unha das moitas anécdotas que viviu como presidente da banda.