Ribeira Sacra é un referente internacional da viticultura heroica, sostén Medio Rural

María José Gómez participou na entrega de premios da XXX Cata dos viños

Pantón | A Ribeira Sacra pasou de ser un tesouro coñecido sobre todo polos galegos a converterse nun referente internacional da viticultura heroica”. Así o afirmou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa intervención na entrega de premios da XXX Cata dos viños da Ribeira Sacra, onde lembrou os galardóns recibidos por estes viños tamén en certames internacionais.

A conselleira, que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, puxo en valor que os viños desta denominación de orixe (DO) viaxan hoxe a novos mercados, medra o enoturismo, consolídase unha forma de producir respectuosa coa paisaxe e co territorio e o nome da Ribeira Sacra é sinónimo de excelencia. Todo isto, defendeu, grazas ao esforzo dos viticultores, das adegas, do Consello Regulador e tamén ao compromiso das administracións por “acompañar un sector estratéxico para o noso rural”.

Nesta liña, Gómez comprometeuse, en nome do Goberno galego, a seguir apoiando esta DO porque, aseverou, isto significa “apoiar emprego, riqueza e futuro no rural”. Así mesmo, reiterou o apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco, algo que ademais, “é un motivo de orgullo para toda Galicia”, salientou. Deste xeito, engadiu a conselleira, recoñécense séculos de esforzo, de respecto pola terra e dunha viticultura heroica que fai deste territorio un lugar “único no mundo”.

O traballo do Consello Regulador
Gómez fixo especial fincapé no papel do Consello Regulador, que definiu como o garante da confianza dos consumidores, da autenticidade destes viños e do prestixio da denominación de orixe e valorou que a confianza “non nace por casualidade, senón que se constrúe cada día con rigor e con profesionalidade”. Algo que, engadiu, tamén é Galicia Calidade. Unha forma de facer as cousas que vén dada polo respecto á tradición e tamén pola aposta pola innovación, entre outras características.

Neste contexto, a conselleira trasladou os seus parabéns aos premiados nesta trixésima cata, na que concorreron viños amparados pola DO Ribeira Sacra nas categorías de Viños Brancos, Viños Tintos e Viños doutras anadas. Os premios distinguen os mellores viños de cada categoría mediante medallas de ouro, prata e bronce, constituíndo un importante recoñecemento ao labor das adegas desta denominación. Como é tradición, os galardóns foron elaborados por José Elías González Prieto, do Centro Oleiro de Gundivós, unha das expresións máis representativas da artesanía tradicional da comarca.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.