Ribadeo, Trabada e Mondoñedo eliminaron impactos urbanísticos

Posta en valor e embelecemento de elementos patrimoniais

Ribadeo | A Xunta de Galicia colaborou cos concellos de Ribadeo, Mondoñedo e Trabada na posta en valor e embelecemento de elementos patrimoniais que causaban impactos paisaxísticos, obras ás que destinou 32.700 euros. Igualmente, apoiou na Mariña sete reformas promovidas por particulares con achegas que sumaron 16.500 euros.

O delegado da Xunta, comprobou o resultado da restauración da fonte de Guimarán, en Ribadeo, xunto co director do Instituto de Estudos do territorio, Enrique Luis de Salvador. Lembraron que están convocados de novo estes programas de axudas; os particulares interesados poden solicitalas ata o 21 de febreiro, mentres que os concellos dispoñen dunha semana máis.

Ao abeiro da pasada convocatoria restauráronse na comarca esta fonte de Ribadeo, un hórreo en Mondoñedo e un inmoble en Trabada. En todos os casos, a Xunta achegou o 70% do investimento das obras.

A fonte de Guimarán, situada no conxunto histórico, recuperou a súa beleza e funcionalidade, xa que estaba inutilizada ao igual que unha das escaleiras de acceso. Entre os traballos realizados, eliminouse a vexetación, reformouse a fronte con morteiro tradicional a base de cal, repasáronse as xuntas de sillería e renováronse algúns elementos.

En Mondoñedo reconstruíuse un hórreo abandonado en Lousada, para o que foi preciso repoñer a cuberta, os laterais de madeira, a porta de peche e mesmo acometer intervencións puntuais nos elementos de fábrica.

En Trabada renovouse o exterior do edificio da Cámara Agraria, realizando unha limpeza e reparación das zonas con humidade e o pintado dos paramentos segundo a Guía de cores e materiais de Galicia.

En canto as obras particulares, impulsáronse dúas en Foz e Lourenzá, e o resto en Barreiros, Mondoñedo e Ourol.

Ante o éxito da primeira convocatoria, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda “volve a apostar por brindar apoio económico a aqueles cidadáns e concellos que executen actuacións de renovación, mellora e acondicionamento sobre edificacións e equipamentos que repercutan de forma positiva na súa contorna”, afirmou Arias.