Rematarán este verán as obras do Parque Acuático de Monterrei

A primeira fase supón un investimento de sete millóns de euros

Pereiro de Aguiar | Diego Calvo, vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, visitou xunto co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, os avances nas obras da primeira fase do parque acuático no complexo lúdico-deportivo de Monterrei, no Concello do Pereiro de Aguiar que cofinancian o Goberno galego e a Deputación de Ourense.

Os traballos da primeira das catro fases do parque acuático comezaron o pasado mes de febreiro e está previsto que rematen ao longo deste verán, de maneira que a zona das piscinas e tobogáns poidan estar dispoñibles para a veciñanza e os visitantes.

A Xunta autorizou o novo contrato destas obras o pasado novembro por un importe de máis de 5,7M€, aos que hai que engadir outros 1,3M€ das actuacións levadas a cabo pola anterior adxudicataria. A suspensión deste primeiro contrato obrigou á Xunta a traballar nun novo con carácter de urxencia para continuar co proxecto. Polo tanto, a contía desta primeira fase ascende a 7M€.

Das actuacións da primeira fase destacan precisamente a nova zona de xogos acuáticos infantís e a reformulación da zona das piscinas actuais, aproveitando e rehabilitando os vasos existentes coa incorporación de novas funcionalidades e tobogáns.

Tamén se está a traballar na creación dunha nova zona de acceso á parcela e dun aparcamento; e na construción dun novo edificio de acceso ao complexo, con vestiarios, zona de administración, oficinas e espazos servidores. Rehabilitaranse ademais as edificacións existentes, poranse en marcha outras de distintos servizos e renovarase a rede de saneamento e abastecemento.

Haberá novas zonas de lecer e espazos abertos, prazas e sendas peonís, o que permitirá, como asegurou o vicepresidente segundo desfrutar das instalacións e da contorna que as rodea. De feito, o novo complexo no concello do Pereiro de Aguiar ofrece un marco idóneo para a organización de actividades lúdico-deportivas no medio natural.

A contía de 7M€ desta primeira fase da zona do parque acuático hai que engadir 1M€ da zona deportiva inaugurada en 2021 para executar unha pista polideportiva, pistas de tenis, pádel, circuíto de cross e pista de pump track.

Catro fases
O proxecto de reforma do novo complexo lúdico-deportivo de Monterrei nas súas catro fases conta cun orzamento inicial de máis de 10M€, do que a Xunta achega o 50% e a Deputación de Ourense a outra metade.

Diego Calvo destacou a importancia da colaboración entre administracións para levar a cabo proxectos de gran calado coma este destinados a reforzar a prestación de servizos e a calidade de vida da veciñanza.

Explicou que con esta actuacións preténdese fomentar a práctica da actividade física saudable e do deporte, ao mesmo tempo que se ofrece un espazo para o lecer familiar. O parque acuático incorporarase ás novas instalacións deportivas da provincia que a Xunta apoiou na súa posta en funcionamento como a pista de atletismo de Expourense, o pavillón dos Remedios ou o estadio do Couto.