Remata en Ribadavia o ciclo de cine de outono “Miradas Etnográficas”

Coa presenza de Oliver Laxe, director do filme "O que arde"

Ribadavia | O fin de semana do 26 e 27 de decembro ás 19.00 h no centro social da Igrexa da Madalena en Ribadavia rematamos a oitava edición do ciclo de outono “Miradas Etnográficas”. Ademais, será o fin de festa do 50º aniversario do Cineclube Padre Feijoo, colaborador deste ciclo.

Proxectaremos dous filmes galegos: “O Apostolo”, de Daniel Cortizo e “O que arde”, de Oliver Laxe, para a presentación e coloquio deste filme, o domingo 27 de decembro, contaremos coa presenza do seu director Oliver Laxe.

As proxeccións dos dous filmes son de balde ata completar a capacidade da sala e respectando todas as medidas hixiénico-sanitarias para previr a expansión da Covid-19. A entrada será por orde de chegada.

Sábado 26 de decembro: proxección do filme de animación de Fernando Cortizo: “O Apostolo”.

Para a animación Fernando Cortizo utiliza a técnica da animación en volume (coñecida co termo inglés stop motion) a partir de figuras de plastilina modeladas seguindo as figura de actores reais: Carlos Blanco, Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, Jorge Sanz, Celso Bugallo, Luis Tosar, Geraldine Chaplin que tamén poñen voz os personaxes.

Un preso foxe do cárcere para tentar atopar un tesouro agochado vai anos nunha aldea do Camiño de Santiago, pero o que atopa suporalle unha condena maior da que fuxiu. Vellos misteriosos, estrañas desaparicións, trasnos, un cura estraño e o arcipreste de Santiago xúntanse no camiño. Un filme de misterio, humor, animación e invención.

Domingo 27 de decembro: rematamos a oitava edición do ciclo de cine de outono “Miradas etnográficas” coa proxección do multipremiado filme de Oliver Laxe: “O que arde”.

A historia desenvólvese nos Ancares lucenses e conta a historia de Amador Coro (interpretado por Amador Arias), un veciño pirómano que sae do cárcere e regresa á súa casa, coa súa nai Benedicta (intepretada por Benedicta Sánchez), a súa cadela Luna e as súas vacas. As súas vidas transcorren con normalidade no medio da natureza da súa aldea até que un día un lume arrasa a rexión.