
Ourense | O Goberno galego vai licitar este ano a rehabilitación integral do Colexio Manuel Luís Acuña de Ourense, unha actuación que superará o millón de euros de investimento e que se enmarca no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2024-2028. Así o confirmou o delegado da Xunta Manuel Pardo con motivo dunha visita a este centro educativo para supervisar o estado das obras de renovación dun dos vestiarios existentes na planta semisótano.
No que atinxe á rehabilitación integral, Manuel Pardo confirmou que o proxecto está practicamente rematado e que se prevé tramitar a licitación como anticipado de gasto ao longo deste ano, e aclarou que a obra poderá adxudicarse nos primeiros meses de 2027, iniciar os traballos conforme os prazos previstos e rematalos a principios de 2028.
A intervención contempla a renovación total dos 1.205 m² de cuberta de fibrocemento e tella, que será substituída por panel sándwich, así como o illamento de máis de 1.090 m² do forxado baixo cuberta. Ademais, inclúese a mellora da accesibilidade no acceso peonil á parcela desde a rúa Hórreo e a corrección da pendente nun tramo da beirarrúa que rodea o edificio.
As obras nos vestiarios
No que atinxe ás obras dos vestiarios, no que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional inviste preto de 37.000 euros, o obxecto é convertelos en dous aseos para cando o alumnado estea no recreo.
As obras consisten na demolición dos tabiques actuais que fan de divisións entre as duchas e inodoros así coma o alicatado que está desprendido dos mesmos. A continuación estase a proceder a eliminación dos inodoros e lavados existentes para a instalación dos novos, así como a instalación de novos sistemas de saneamento, fontanería e electricidade para a nova iluminación.




