Rehabilitación de patrimonio mosense relacionado coa auga

En conmemoración do Día da Educación Ambiental

Mos | No día Mundial da Educación Ambiental a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente Sostible mosense, Leo Costas, visitaron o Lavadoiro do Martingueiro en Sanguiñeda para informar de que a administración local mosense vén de investir 27.000 euros na reparación dunha fonte e 2 lavadoiros.

Mos é un municipio rico en patrimonio medioambiental, é terra de auga e como tal conta cun amplísimo inventario de bens relacionados co líquido elemento: muíños, fontes e lavadoiros.

A recuperación destes recursos patrimoniais municipais é moi demandada pola veciñanza por iso o Concello de Mos conta cun plan integral de posta en valor de fontes e lavadoiros, dentro do que acomete anualmente a recuperación e mellora de varios destes elementos.

Os tres elementos recentemente rehabilitados pola concellería de Medio Ambiente Sostible son a Fonte do cocho en Casalmorto, parroquia de Pereiras, o Lavadoiro do Martingueiro no Barrio do Monte en Sanguiñeda, e o Lavadoiro da Portela na parroquia de Louredo. Nestes traballos o Concello de Mos investiu 27.000 euros.

Os traballos realizados inclúen obras de reparación e labores de limpeza destes elementos patrimoniais tan abundantes e prezados pola veciñanza mosense.

Mos é un municipio que se caracteriza pola súa relación coa auga e o gran patrimonio relacionado con ela. En total o Concello conta con preto de 150 elementos relacionados cos recursos hídricos mosenses inventariados e que se distribúen entre fontes, pontes, muíños, lavadoiros, canles, parques, pías, etc.

‘Mos espazo de auga… espazo de vida’
Todo este legado patrimonial aparece recollido no libro titulado ‘Mos espazo de augua… espazo de vida’. Publicación do ano 2017.No libro recóllense fotografías, rutas de acceso e coordenadas xeográficas dos recursos naturais hídricos mosenses e das construcións que ao redor deles se forman.

Ao longo das máis de 100 páxinas, 118 concretamente, sucédense todo tipo de elementos relacionados coa auga entre os que se atopan muíños, fontes, pontes, etc…

Este volume constitúe unha viaxe virtual polas dez parroquias mosenses, xa que o libro clasifícase a razón dun capítulo por parroquia. En cada parroquia pódese atopar a xeolocalización e o mapa da ruta da auga mosense, ademais das fotos máis significativas de cada lugar a destacar. Grazas a esta publicación fíxose tamén un repaso do inventario patrimonial do Concello de Mos e realizáronse novos descubrimentos e inclusións neste, que ascenderon a 41 elementos inventariados a maiores. Ata o de agora constaban no inventario 103 elementos.

En total inventariáronse e xeolocalizáronse no libro 145 elementos relacionados cos recursos hídricos mosenses: 58 muíños, 65 fontes, 8 lavadoiros, 5 pontes, 3 parques (nos que existen recursos hídricos, por suposto en Mos hai moitos máis parques), 1 muíño de man romano na parroquia de Guizán, unha canle granítica da chan de Mos e verea tradicional en Louredo, unhas pías, as Pías de San Pedro en Cela;  e outros achados.

Dos 58 muíños 7 atópanse na parroquia de Tameiga, 6 en Sanguiñeda, 5 en Petelos, 7 na parroquia de Mos, 6 en Dornelas, 8 en Cela, 3 en Torroso, 8 en Pereiras, 7 en Louredo e 1 en Guizán.

Das 65 fontes 7 atópanse na parroquia de Tameiga, 9 en Sanguiñeda, 6 en Petelos, 6 na parroquia de Mos, 8 en Dornelas, 15 en Cela, 3 en Torroso, 2 en Pereiras, 2 en Louredo, e 7 en Guizán. Destaca a enorme cantidade de fontes existentes na parroquia de Cela, que case duplica en número á seguinte parroquia en cantidade de fontes que é a de Dornelas.