Rehabilitación da fonte da Ponte en Eido Gonzalo no Covelo

Realizáronse tarefas de limpeza, reparación e reposición dos elementos necesarios

O Covelo | O Concello de Covelo, dentro do seu plan de recuperación de fontes públicas, procedeu á rehabilitación da fonte da Ponte en Eido Gonzalo, na Graña. A veciñanza quixo inaugurar esta emblemática fonte xunto ao río do Portiño Escuro e gozar así duns intres de confraternización e recordos, vividos xunto á fonte, compartindo unha merenda.

Con medios propios o persoal municipal realizou tarefas de limpeza, saneamento do manancial, acondicionamento da pía e recollidas de auga ademais de cambios de tubaxes e colocación dunha billa, entre outros traballos. Tamén se limpou o acceso á fonte sendo este un lugar moi visitado pola veciñanza e no que pasar un momento agradable ao fresco.

Ao longo deste ano tamén se rehabilitou a fonte do Barreiro, en Santa Marina e a fonte do barrio Alén, en Barcia de Mera. Para o alcalde, Pablo Castillo, as fontes públicas non só son un servizo útil e básico, “tamén forman parte da historia dos nosos barrios por iso ao longo deste último ano procedemos á reparación de tres fontes públicas e proseguiremos para que todas estean en condicións óptimas e todas e todos poidamos achegarnos e rememorar historias e acontecementos sociais”, explica o alcalde, Pablo Castillo.

O Concello de Covelo encargará tamén a análise de mostras de auga ao longo do ano para ter o maior control posible da calidade da auga.