Reforma integral na contorna da igrexa de Prado da Canda no Covelo

Con obras de saneamento, recollida de augas pluviais e asfaltado

O Covelo | O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, informa que comezaron as obras de mellora da contorna da igrexa de Santiago en Prado da Canda. Na súa aposta por unha vila máis amable o Concello avanza na remodelación de espazos públicos que son punto de encontro da veciñanza. Esta intervención ten un custo de 197.302€ que serán financiados con fondos propios a través do Plan Concellos 22/23 na actualidade +Provincia da Deputación de Pontevedra.

O Concello realizará unha intervención integral con traballos no subsolo e tamén en superficie transformando o espazo público para un maior desfrute da cidadanía. O actual asfalto será substituído por pedra co obxectivo de embelecer a zona e potenciar o seu atractivo. Ademais, as obras abordarán o saneamento en dous ramais da Aldea de Abaixo e a canalización das recollidas de auga pluviais.

“Traballamos para que o día a día da nosa veciñanza sexa máis doado e agradable por iso a nosa prioridade é a mellora dos espazos e servizos públicos indispensables para desenvolvernos, para relacionarnos e mesmo para recibir ás persoas que nos visitan”.

Para a execución das mesmas deberán realizarse traballos de demolición; preparación do terreo, colocación de drenaxe, tubaxes e colectores; preparación de cunetas con adoquín en granito silvestre, retiradas previamente as existentes de formigón, e apertura de cunetas onde exista arcén de terra.

Ademais, instalaranse canaletas e rellas de fundición e renovarase o pavimento en todo o trazado tanto na Aldea de Abaixo como no ramal con tramos de formigón e espazos e accesos peonís con solados de granito silvestre ao igual que na contorna da igrexa de Santiago.

As obras complétanse coa instalación de novas barandas, pasamáns e rodapés. Tamén se contempla a colocación de bancos de granito silvestre e sinalización de limitación de velocidade a 30km/h.