
Santiago de Compostela | A Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade deu luz verde hoxe en Santiago de Compostela ao proceso de constitución da Rede de Electas Municipais de Galicia, seguindo o exemplo das redes de mandatarias locais creadas en Mozambique e Cabo Verde. A iniciativa xurdiu precisamente do grupo de alcaldesas e concelleiras que participaron o mes pasado no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ celebrado na cidade de Praia. A primeira edición tivera lugar na Coruña a finais de 2024, cos mesmos fins de fomentar a participación das mulleres no poder local e as políticas con perspectiva de xénero.
Estes obxectivos serán tamén os da futura Rede de Electas Municipais de Galicia, segundo expuxo a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira. A alianza, para a que se recadará o apoio da Fegamp, botará a andar coa creación dunha Comisión Instaladora. A incorporación das mulleres á política local resulta clave para promover a igualdade de xeito tanto específico como transversal. No entanto, os datos revelan un baixo grao de representación feminina nas esferas de toma de decisións e, de feito, dos 313 concellos galegos só 69 contan cunha muller ao mando, o que supón un 22%. As cifras empeoran nos municipios pequenos, onde as listas electorais paritarias non son obrigatorias.
A orde do día da Asemblea incluía asemade a ratificación das altas de cinco novos concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. María Muíño, secretaria da entidade e concelleira en San Sadurniño, deulles a benvida a Cerdedo Cotobade, Fisterra, Pazos de Borbén, Vilaboa e Xunqueira de Espadanedo. Deste xeito, o Fondo Galego suma un total de 120 concellos e as catro deputacións de Galicia, que contribúen así á loita contra a pobreza e as desigualdades nos chamados países do Sur Global.
Cinco dos proxectos actualmente en curso foron presentados precisamente por outras tantas ONGD que obtiveron financiamento a través da convocatoria de axudas do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Medicus Mundi fomenta a soberanía alimentaria e o liderado das mulleres no Salvador, Solidariedade Internacional de Galicia facilita o acceso a unha alimentación nutritiva para menores indíxenas en Guatemala, a Fundación Mozambique Sur apoia varios centros infantís, Sodepaz proporciona enerxía solar para garantir a respiración asistida a nenas e nenos cubanos, mentres Asemblea de Cooperación pola Paz aposta pola inclusión, o emprendemento e a economía circular na Habana.
A estes proxectos súmanse outros nos que o Fondo Galego colabora directamente con entidades locais de Mozambique, Cabo Verde ou Guinea-Bissau e aos que envía persoal técnico municipal a través do programa Especialistas en Cooperar. O Plan de Actividades 2026 aprobado na Asemblea incorpora asemade máis de 50 actividades de educación para a cidadanía global a realizar nos concellos socios, en forma de exposicións, teatro, cursos, charlas ou cine para sensibilizar sobre outras realidades e promover a educación en valores.
Na xuntanza desta mañá aprobouse tamén a memoria do pasado exercicio, que foi presentada polo presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, mentres que o tesoureiro e alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, expuxo tanto o balance de 2025 como o orzamento para esta anualidade. Pola súa banda, a vogal da Comisión Executiva e concelleira de Santiago de Compostela, María Rozas, exerceu como anfitrioa do encontro e aproveitou a súa intervención para poñer en valor a solidariedade internacional desde o local.




