• Segue conectado
  • |

Recuperarmos a cordura.

Aínda hai xuices en Berlin, como dis que dixo o vello rei prusiano Friedrich Wilhem II. Ou, tratándose da federal Alemaña, aínda hai xuices en Kiel, porque o caso da extradición de Puigdemont, como non podía ser doutro xeito nunha democracia que respecta o principio do xuiz ordinario predeterminado pola Lei, foi coñecido polo Tribunal Superior do land de Schleswig-Hollstein, onde o president foi detido. No Estado español coñecería do asunto a disfuncional e inconstitucional Audiencia Nacional fose onde fór o lugar dos feitos. E logo aínda din os unionistas que o Estado español é o máis descentralizado da Europa.

Os xuices de Kiel rexeitaron a extradición de Puigdemont polo delicto de rebelión, ao considerar que a súa conduta non podía ser considerada análoga a do delicto análogo na Alemaña, o da alta traición, pola manifesta falla de violencia e/ou intimidación na conduta do dirixente catalán.

Pura cordura, puro Dereito… Fronte esta decisión Puigdemont pode recorrer perante o Constitucional alemàn (pola extradición acordada polo delicto de malversación), o Reino de España non. Tampouco pode Llarena prantexarlle unha cuestión prexudicial ao Tribunal da Unión Europea. O tempo procesual xa pasou e a lexitimación activa non é do Tribunal que pide a euroorde, senón do que é competente para resolvela. Llarena só pode retirar a euroorde, como especulan case todos os medios de Madrid, mais esta decisión poría á xustiza española a níveis máis propios de Somalia ca de Turquía. De seguro que é o plan A de Llarena, mais non é probábel que o leve adiante.

En realidade, a oportunidade agora é para que a Fiscalía Xeral do Estado reaxa, retire as acusacións por rebelión e sedición, cualifique procesualmente polos eventuais delictos de desobediencia e pida dos maxistrados instrutores da AN e do TS a liberdade dos presos políticos.

Porque estes presos políticos constitúen, nesta altura, reféns que impiden unha negociación bilateral entre o Estado e Catalunya. Porque se ben é verdade que cómpre dialogar de todo e facer o posíbel por amornecer o conflito con reféns non se pode negociar. Mentres haxa presos políticos en Catalunya non se poderá negociar a serio.

Ao mellor a decisión dos xuices de Kiel é unha fiestra de oportunidade para recuperarmos o sentidiño, o seny, o sentido común…Para recuperarmos a cordura.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 16 Xul 2018.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies