Récord de adopcións en 2020 no Centro de Acollida (CAAN) da Deputación de Pontevedra

Acadou 583 adopcións, máis dun cento que en 2019

 

Pontevedra | A pesar da Covid, do confinamento e dos peches e restricións pola pandemia, o 2020 vén de converterse no mellor ano na historia do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación, como destacou hoxe a presidenta Carmela Silva.

Non só polas excepcionais cifras de adopcións acadadas, que levaron a romper o seu récord anual, senón tamén polo descenso no número de recollidas de cans e cadelas con respecto ao 2019. Estas circunstancias permitiron pechar o ano cun menor número de animais nas instalacións de Meis que se cifra na actualidade en ao redor de 200.

A presidenta fixo balance da actividade do centro e destacou que o número de adopcións foi finalmente de 583, con 117 máis que o 2019, en que estaba establecido o anterior récord (466). “O noso obxectivo estaba nas 500, algo que acadamos xa en novembro”. Ao mesmo tempo, subliñou a “clara tendencia á baixa” no número de recollidas, que no 2020 se situou en 1.144, polas 1.332 de 2019 e as 1.788 do 2018.

2021 comeza tamén con bo pé, ao rexistrarse xa na primeira semana de xaneiro 6 adopcións, a primeira, a de “Linda”, unha preciosa cadeliña que o día 1 viaxou ao seu novo fogar en A Coruña. A este respecto, Carmela Silva fixo coa imaxe da cadela un chamamento para que a xente continúe a adoptar animais, pero con responsabilidade. “Nestas datas de Nadal moita xente adopta, e quero lembrar que adoptar é responsabilizarse –destacou-. Cando se adopta é para sempre, durante toda a vida dos cans e cadelas. Non son un agasallo, son seres vivos que temos que respectar, coidar e que forman parte da nosa familia cando tomamos esta decisión”.

Máis polo miúdo, cunha media de 1,5 adopcións cada día, 569 das 583 acadadas no 2020 formalizáronse en España, 13 en Portugal e 1 en Holanda. Das primeiras, 523 corresponden a fogares galegos, mentres que o resto dos animais viaxaron a Castela León (20), Asturias (8), Cataluña (4), Madrid (6), Castela A Mancha (1), País Vasco (3) e Andalucía (4). En Galicia a maior parte das adopcións, foron na provincia de Pontevedra, cun total de 425, seguidas por Lugo (68), A Coruña (28) e Ourense (2). E dentro da provincia, a cidade de Vigo ten o maior número de adopcións (50); seguida de Pontevedra (46), A Estrada (36), Meis (26), Sanxenxo (22), Cambados (21), Marín (18) e Vilagarcía (15). A presidenta tamén destacou o éxito que están a ter as campañas desenvolvidas pola institución provincial para fomentar a adopción e, deste xeito, xa son 2.546 as acadadas desde o ano 2015.

O pasado 2020, amais, puideron abandonar o centro algúns dos animais que máis tempo levaban nas instalacións de Meis. Trátase de “Apro”, que pasou seis anos; “Coqui” e “Nikita”, que estiveron catro, e “Marce”, que pasou tres. No primeiro caso, “Apro” entrara no CAAN en xullo do 2014 sendo un cachorro de só tres meses e fora recollido no concello de Arbo. Agora chámase “Bico” e vive cunha nova familia en Madrid. Pola súa banda, “Coqui” fora rescatado no 2016 en Silleda con tan só tres meses e puido deixar no 2020 as instalacións da Armenteira tras ser adoptado por unha familia en Marbella.

En outubro marchouse a Granada “Nikita”, nacida no 2016 e que levaba toda a súa vida no CAAN, xa que chegara con tan só un mes de idade xunto a outros seis membros dunha mesma camada abandonados en Lalín, dos que ela fora a única supervivente. Por último, “Marce”, entrara con dous meses de idade en abril do 2017 xunto ao seu irmán “Teodoro”, despois de que ambos foran abandonados en Lalín, pero este último fora adoptado tan só un mes despois. Neste momento, os cans máis veteranos do centro son “Posto” e “Suillo”, ambos recollidos no verán do 2018. Posto, de tres anos, fora recollido en Redondela e Suillo, de seis anos, en Gondomar.

Baixan as recollidas
No que atinxe ás recollidas, hai que sinalar que preto da metade dos 1.144 animais recollidos no 2020 puideron ser devoltos ás persoas propietarias, 340 deles no mesmo lugar onde se produciu o aviso da súa aparición e 230 os recolleron nas propias instalacións do CAAN. “Polo tanto –concluíu Carmela Silva- eu animo a que a xente siga a adoptar e que sobre todo, non abandonemos aos animais. Temos cifras bastante optimistas, co descenso de recollidas, pero o obxectivo ten que ser o abandono cero”.

O CAAN da Deputación presta servizo a 50 concellos da provincia, despois das adhesións no pasado ano 2020 de Ponteareas e O Porriño. Hai que lembrar que as adopcións no centro son gratuítas e o persoal sempre asesora ás persoas interesadas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitar o centro como para formalizar as adopcións hai que solicitar cita previa no teléfono 986 140 360. Os animais saen do centro vacinados, con chip, desparasitados e esterilizados.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!