Reclaman aulas para o CEP Altamira de Salceda

As familias do alumnado fixeron esta petición á Xunta de Galicia para evitar un agravio comparativo

Salceda de Caselas | As familias do alumnado de 1º do CEP Altamira de Salceda de Caselas reclaman á Consellería de Educación que se concedan catro unidades no nivel, en lugar das tres actualmente previstas, para garantir unhas ratios axeitadas e unha atención educativa de calidade.

As familias consideran que, a organización en tres aulas das 73 prazas matriculadas a día de hoxe, supón un incremento innecesario da ratio e dificulta a atención individualizada do alumnado, especialmente tendo en conta as necesidades de diversidade e apoio presentes no centro.

A situación resulta especialmente inxusta ao comprobar que para o vindeiro curso está prevista unha organización en catro aulas, o que, ao entender das familias, supón un agravio comparativo para o alumnado que actualmente debe afrontar unhas ratios máis elevadas.

“Non entendemos que este curso se nos diga que tres aulas son suficientes e que o vindeiro curso si se contemple a cuarta. O alumnado non pode recibir un trato diferente en función do ano no que lle corresponda estar escolarizado”, sinalan as familias.

“Non estamos pedindo un privilexio: estamos pedindo que se aplique o mesmo criterio e que o alumnado deste curso non sexa prexudicado fronte ao do seguinte.”

As familias solicitan á Xunta que revise a decisión e que teña en conta non só criterios numéricos, senón tamén os principios de equidade, igualdade de oportunidades e calidade educativa. Por este motivo, presentaron un escrito ante a Inspección de Educación solicitando a revisión da organización das unidades e a recuperación das catro aulas. O equipo de goberno do Concello de Salceda manifestoulles ás familias o seu apoio na reclamación, conscientes de que as diferentes necesidades do alumnado fan precisas unha atención máis directa que non se garante mantendo as tres aulas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.