Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel

Este luns 10 de outubro no Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela | A chegada de Internet, e con ela da prensa dixital e das redes sociais a finais do século XX e a súa expansión no século XXI, mudou considerablemente o panorama xornalístico a nivel global e local. Malia o pulo dos medios de comunicación dixitais, en Galicia segue existindo prensa en lingua galega que continúa apostando polo papel. Moitos destes medios son de carácter local ou provincial, pero nos últimos anos apareceron novos proxectos, algún deles de ámbito galego.

Coa xornada Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel, promovida dende a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega, búscase dar a coñecer e analizar a realidade actual dos medios de comunicación escritos en galego en formato papel, a súa resistencia e a súa adaptación nun contexto fortemente marcado pola dixitalización e pola crise económica.

Esta adaptación e supervivencia implica un cambio de modelo non só a nivel xornalístico, no que atinxe ao tratamento e presentación da información, senón tamén a nivel de xestión económica e de audiencias, ao mesmo tempo que se convive co formato dixital.

Ademais, esta xornada pretende amosar diversos modelos xornalísticos, dende publicacións culturais cunha longa traxectoria, ata revistas especializadas no medio natural. Tamén se achegan iniciativas promovidas polas novas xeracións en papel a través do fanzine ou de revistas realizadas por centros de ensino.

Programa
Mañá
9:45 horas
Inauguración

10:00 horas
A evolución dos medios escritos en galego dende o ano 2000, no inicio do século XXI, ata a actualidade. A influencia ou efectos da dixitalización na prensa escrita galega
Xosé López García, catedrático de Xornalismo, USC

10:50 horas
A crise dos medios en papel. O reto de adaptar o modelo de financiamento coa dixitalización
Julián Rodríguez Moscoso, director de Economía Digital, membro do Foro Económico de Galicia
11:40 horas

Pausa
12:00 horas
Mesa redonda
Experiencias de medios escritos en galego en formato papel: os existentes antes do 2000 e os que foron aparecendo nos últimos anos. Permanencia e novos proxectos. O
papel dos medios locais en relación coa supervivencia do papel
Modera: Xan Carballa
Participan:
– María Obelleiro, Nós Diario
– Fernando de Paz, Tempos Novos
– Diego Elías García Puente,
Terrachaxá
– Carlos G. Hervella, Periódico O SIL
– Guillermo Rodríguez Fernández, Foro A Peneira

Sesión da tarde
16:30 horas
O control de información na era dixital
Ignacio Castro Rey, filósofo, escritor
17:20 horas

Mesa de relatorios
As publicacións especializadas en papel e o fenómeno dos fanzines
Modera: Ana Díez, comunicadora e xestora cultural
– A supervivencia das revistas do eido cultural. Francisco Fernández Rei, membro do Consello de Redacción de A Trabe de Ouro e de Nova Ardentía
– A supervivencia doutras publicacións especializadas: Cerna.
Alberte Sánchez, membro do Consello de Redacción de Cerna
– O fenómeno dos fanzines e a incorporación das novas xeracións nativas dixitais ao papel. Alejandro Nieves, xestor cultural e un dos responsables de Farlopa.Fanzine
– As publicacións en papel nos centros educativos. A iniciativa da revista Saldoira do IES Martaguisela do Barco. Marta Cortés, profesora e directora da revista
19:30 horas

Peche da xornada