Rapazada en risco de exclusión alza a voz contra os bulos e prexuízos

A través dunha campaña de sensibilización de Agareso e Igaxes
A rapazada da “Tribo” porta imaxes da súa campaña.

Santiago de Compostela | A mocidade en risco de exclusión social ten moito que dicir e da súa necesidade de ser oída xurde A Tribo, un grupo de 22 adolescentes con vidas complexas que unen as súas voces para contar a súa propia historia. Esta campaña conta co apoio de Agareso e Igaxes.

Do seu traballo colectivo durante sete meses nace a campaña “¿Vas permitir que o comezo marque o noso destino?” coa que pretenden desmentir os bulos e prexuízos que aínda pesan sobre a rapazada en risco de exclusión social. Desde o transporte urbano e as paredes dos institutos e outros espazos públicos de Galicia e desde as redes sociais recórdannos que as súas voces tamén importan e que deben ser escoitadas.

Aitor, Alecoy, Valentina, Aroha, Gabriel, Karma, Ilias, Jordan, Jorge, Natxo, Lorena, Mariana e Chari pidennos que non xulguemos nin poñamos límites á súas vidas, que non miremos para outro lado nin deixemos que caian. Propoñennos, simplemente, que nos deamos conta do que valen e que -se é preciso- as e os axudemos a cambiar o rumbo.

Vas permitir que o comezo marque o noso destino? é o slogan principal desta campaña que definiron e personalizaron segundo as mensaxes que pretenden transmitir cada un e cada unha delas, converténdose nas verdadeiras axentes do cambio.