Racharmos co dependentismo.

O grave problema de votar por forzas unionistas (PP, PSOE, Sumar/Podemos…), de obediencia extragalega non só é a súa falla de compromiso cos dereitos e intereses da Galicia, senón, o que é máis grave, a súa falla de confianza nas nosas potencialidades e máis o descoñecemento relativo das nosas necesidades.

Das resultas desta falla de cosmovisión galega abrollou un enfoque dependentista nestas forzas unionistas a respecto da gobernanza. Na escolla da promoción de sectores produtivos concretos asúmense como positivas decisións que conlevan unha especialización (máis ben un sacrificio) do noso territorio en actividades puramente extractivas a respecto dos nosos recursos (produción de enerxía eólica e hidráulica, minaría, eucaliptización do territorio para produción de pasta de papel), sen continuidade de ciclo en canto á fixación neste país de actividades industriais de alto valor engadido.

No financiamento autonómico confíase nun modelo tamén dependentista onde o Estado recada e a Xunta, infrafinanciada, gasta, refugando o sistema de cota (“cupo” en castelán) propio de Euskadi e Nafarroa, proposto xa polo vicepresidente Carlos Mella (gobernando AP!!) hai 40 anos e que garante que Galicia recade todos os seus tributos pagando a cota polos servizos estatais prestados no noso territorio que nos cumpra por poboación (uns 1.815-1.820 M€, se atendemos proporcionalmente ao pactado con Euskadi para o lustro 2022-2026), evitando deste xeito o déficit xerado para Galicia polo sistema actual (4.562 M€ no 2019, pois que a Axencia Tributaria estatal recadou na Galicia 13.222 M€ e o Estado só achegou de volta 8.650 M€).

Fronte a esta realidade os presidentes Núñez Feijóo e Rueda propuxeron e propoñen máis multilateralidade, partillando obxectivos con Asturies, Cantabria, Extremadura e Castela e León e a Rioxa, sen se decatar que o financiamento público por habitante na Galicia (2.846 €/ano/) é nidiamente inferior ao de todos e cada un deses seis territorios.

Galicia haberá de construir a súa relación co Estado dende a conciencia da súa singularidade. Singularidade nacional na língua, cultura e identidade, mais tamén singularidade social e económica, alicerzada na necesidade de priorizar as actividades económicas nas que somos competitivos e que para o Estado moitas veces son prescindíbeis (construción naval, complexo mar-industria, produción agroalimentaria vencellada ao vacún, transformación forestal e agroalimentaria) e defender os valores ambientais e produtivos do noso território fronte as actividades extractivas “de sacrificio” que xeran recursos para empresas de fora e desertizan o noso rural.

“Galicia haberá de construir a súa relación co Estado dende a conciencia da súa singularidade”

Neste contexto, apostar por alianzas multilaterais con territorios carentes das devanditas singularidades nacional e socioeconómica ou facer apelacións xenéricas á igualdade de todo é como nos pegar un tiro no pé, porque nos non podemos xogar na liga cuantitativa co noso PIB (5,6% do estatal) e poboación (5,2%), senón na cualitativa da especificidade, do particular. E da bilateralidade.

Velaí a necesidade de racharmos co dependentismo.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.