“Queremos paz. A guerra con Ucraína non é a intención de Rusia”

Marina Bakhtina | Presidenta Asociación Eslavos en Galicia

Creada en Vigo en 2016, a Asociación Eslavos en Galicia agrupa a inmigrantes ruso falantes das ex repúblicas soviéticas, con intención de integrarse na sociedade galega e dar a coñecer as tradicións e a cultura eslavas. En Galicia convive mais dun millar de ruso falantes, plenamente integrados na nosa Comunidade. Con motivo da actual tensión entre Ucraína e Rusia, a presidenta desta asociación, Marina Bakhtina, comentou ao noso xornal a súa visión persoal e institucional.

“Aquí en Galicia, entre os membros da Asociación, temos boa relación entre os rusos e ucraínos”

Como vive a comunidade eslava en Galicia a crise que actualmente se desenvolve en Ucraína?
Aquí en Galicia, entre os membros da Asociación, temos boa relación entre os rusos e ucraínos. De vez en cando falamos sobre estos temas e ultimamente nos sorprende ese interese tan elevado por parte dos medios de comunicación europeos ao respecto das relacións entre Rusia e Ucraína. Sabemos que existe conflito pero tampouco o observamos tan grave porque a poboación rusa non quere ningunha guerra. O vemos mais ben como xogos políticos provocados polos intereses de EE.UU que quere separar os nosos pobos e está interesado en empeorar a relación de Rusia coa Unión Europea.

Notas que existe desinformación por parte dos medios occidentais sobre o que está pasando en Ucraína?
Si, porque vendo as novas noto moita malinterpretación sobre os feitos. Se Rusia move as súas tropas militares dentro do seu territorio, que por certo ten dereito a facelo, interprétase como unha ameaza ao país veciño, neste caso Ucraína, aínda que son ensaios militares planeados con Bielorrusia desde fai tempo para adestrar aos militares. Ademais vexo normal que Rusia protexa as súas fronteiras nun momento en que a OTAN pretende a súa expansión vía Ucraína cara as nosas fronteiras. Os meus familiares e coñecidos tamén consideran que a expansión da OTAN é tamén unha ameaza para o noso país, pero non temos ningunha intención de atacar territorio doutro país. Non cremos que o goberno de Vladimir Putin finalmente vaia atacar Ucraína ou calquera outro país. Rusia sempre foi un país pacífico e só enviaba tropas cando o solicitaba o goberno lexítimo doutro país, como vimos a comezos de ano durante a crise en Kazajistán e, anteriormente, en casos como o de Siria en 2015.

“Non cremos que o goberno de Vladimir Putin finalmente vaia atacar Ucraína ou calquera outro país”

Os medios españois soen cualificar a Rusia como o agresor. Cres que esta perspectiva mediática está provocando situacións sociais tensas contra a comunidade rusa en Galicia?
Si, porque despois de varias entrevistas publicadas e programas de radio e televisión, empezaron acusacións de cara os rusos por parte dos seus coñecidos, empezaron discusións entre as familias ruso-galegas, ameazas de despidos laborais contra algúns cidadáns rusos en Galicia. Non sei por qué a xente cre mais esas testemuñas falsas sobre a ameaza rusa que danan a credibilidade e a honestidade da diáspora rusa que leva en Galicia moitos anos convivindo.

A intención da nosa Asociación era unir a tódolos eslavos ruso falantes en Galicia e estas mentiras sobre o que sucede en Ucraína está provocando dividir a nosa comunidade. Incluso falando con emigrantes ucraínos en Galicia, que fai poucos días estiveron en Ucraína con motivo das festas do Nadal, tamén amosanse sorprendidos por esa tensión nos medios de comunicación. Eles din que nin sequera en Ucraína falan tanto da guerra, mais ben que xente preocúpase polos seus asuntos cotiás.

“A intención da nosa Asociación era unir a tódolos eslavos ruso falantes en Galicia”

Existe medo entre a comunidade ruso falante en Galicia?
Efectivamente, moitos membros da nosa comunidade non queren saír publicamente e expresar os seus puntos de vista en medios de comunicación por medo a posibles represalias profesionais e aos seus negocios. Incluso algúns deles me preguntaron: por qué nos acusan e por qué temos que sentir vergoña de ser rusos?

Como ves a posición do presidente español Pedro Sánchez de enviar dúas fragatas ao Mar Negro respaldando así á posición da OTAN?
A mín sorprendeume moito a decisión dun líder socialista de unirse coas forzas contra Rusia, contra un país con quen sempre España tiña boa relación. Creo que esa fragata enviada (Blas de Lezo) non ten capacidade para facer dano militarmente a Rusia pero si creo que, se empezan a disparar, isto pode facer moito dano as relacións ruso-españolas.

En Belgrado ante o Monumento dos liberadores da capital serbia durante a II Guerra Mundial.

En Vigo existe un Cónsul Honorario da Federación de Rusia, Pedro Mouriño. Tes contacto con el en relación co que está sucedendo?
Si, o coñezo persoalmente e falamos sobre esta situación. Cada un pola súa parte intenta explicar á xente e tranquiliza-la de que Rusia non ten intencións de agredir nin de invadir Ucraína. Mouriño leva a cabo un labor mais político mentres que eu o fago mais a nivel social e de tecido asociativo.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.