“Quere o teu Mercado”, un ano máis en Arbo

Ata o 24 de maio na Praza de Abastos

Arbo | A praza de abastos de Arbo participa un ano máis na campaña internacional “ Quere o teu mercado”. Pola súa proximidade e situación estratéxica nas nosas vilas e cidades, os mercados municipais xogan un valioso papel dinamizador e revitalizador dos centros urbanos onde se asintan e facilitan, ademais, a compra completa de alimentos frescos con toda a comodidade e sen necesidade de grandes desprazamentos.

No caso de Arbo, os nenos e nenas poderán achegarse ao Mercado Municipal o vindeiro sábado 13 de maio a partires das 10:30, e aprender dun xeito divertido a coñecer as verduras, froitas, peixes e carne, ao mesmo tempo que recibiran un agasallo e disfrutaran de xogos e música.

Esta campaña que se desenvolverá no mes de maio, organizada polo Concello de Arbo, coa colaboración dos praceiros e a Xunta de Galicia, os participantes na campaña e os compradores recibiran unha papeleta para entrar no sorteo de agasallos e produtos. Con esta iniciativa preténdese fomentar o consumo de productos frescos no Mercado, que no caso de Arbo  lévase mellorado considerablemente nos últimos anos.

Mercar neles é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada así como garantía de boa compra, fomentando o consumo de produtos galegos e ofrecendo a variedade de carnes, lácteos, froitas, verduras, pescados, mariscos, hortalizas…que require unha dieta equilibrada e saudable.

Xuntan tradición e modernidade, adáptanse ás demandas dos seus clientes, ofertan os mellores prezos en produtos frescos de alimentación e incorporan cada día novos servizos complementarios e personalizados.

Dende hai máis de seis anos o Concello de Arbo e  a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, celebra a campaña “Quere o teu mercado”, co obxetivo de apoiar, promocionar e visibilizar o papel dos mercados nas cidades, potenciando así a compra do produto local ao mostrar a profesionalidade dos praceiros e praceiras.